Gold&Colt vai presentar “Old Fashioned”, o seu novo disco
• O sábado, 30 de decembro, ás 20:00h, cun concerto no Centro Cultural
Infogauda / A Guarda
Gold & Colt son unha banda de folk americano composta por músicos veteranos procedentes de distintos lugares de Galicia (A Guarda, Pontevedra, Bueu e Santiago de Compostela) e de diferentes estilos musicais (country, blues, jazz e rock&roll)
A banda naceu no 2014 e tras pasar por innumerables escenarios e dous discos de estudio, sofre un forte cambio de formación, incorporando a Álvaro Vázquez, de A Guarda, na voz principal e a Noli Torres, de Pontevedra, na percusión.
Ilustración, deseño gráfico, vídeo e música son algunhas das disciplinas artísticas nas que a vila de A Guarda viu crecer e evolucionar a Álvaro Vázquez ó longo dos anos, e Kill Me Truck, Wild Cactus, The pretty shirts e Castro y los escoltas algunhas das bandas coas que subiu ós escenarios levando o nome da Guarda por toda Galicia e parte da península.
Xunto a él, tres excelentes músicos completan a formación, Roberto Fernández na guitarra, puro Delta Blues e posiblemente un dos mellores dobros de Galicia; Juyma Estévez, un metódico contrabaixista de jazz cun extenso currículo; e Noli Torres, un percusionista de jazz cun amplio arsenal de recursos e curtido en mil batallas.
O día 30 de decembro ás 20:00h presentan no Centro Cultural de A Guarda “Old Fashioned” primeiro disco desta nova formación e o seu proxecto máis ambicioso (tanto de Álvaro como da banda).
Unha colección de cinco cancións forxadas a partir de terra, óxido e madeira, e gravadas en directo, que reflexan o carácter da nova formación, máis country, que aposta por estructuras e sons máis clásicos, indo á orixe do xénero, pero executándoo con mans actuais.
A entrada será totalmente de balde, pois é un evento organizado polo concello de A Guarda. Só terendes que levar as vosas ganas de festa e un bo abrigo. Fará frío, polo que se recomenda bailar e arrimarse ben ó escenario para disfrutar da calor de Gold & Colt.
Ningún comentario:
Publicar un comentario