4 de out. de 2023

OIA

Charla divulgativa sobre a relación entre garranos e aves 

 O sábado 7 de outubro, ás 19:30 h., na Casa Forestal de Oia 



 

Patricia Muñoz Raña /  Oia

 A Casa Forestal de Santa María de Oia acollerá o sábado 7 de outubro unha charla divulgativa titulada “Relacións entre garranos e aves. Interaccións e outros beneficios ecosistémicos”, que correrá a cargo de Xilberte Manso de la Torre, vicedirector do IEM e membro fundador de SOS Groba.  

 Esta charla, aberta para todos os públicos, englóbase dentro do ciclo “Arredor do curro” que a comunidade de montes de Santa María de Oia leva desenvolvendo desde hai varios meses e que inclúe diversas actividades divulgativas arredor desta ancestral tradición e dos garranos da Groba. A programación incluíu unha exposición, visitas guiadas coincidindo coa tempada de curros e pecharase o día 7 coa antedita charla. 

 A conferencia celebrarase ás 19.30 horas na casa forestal de Valdarca (Santa María de Oia) e terá entrada libre. Ao remate haberá unha pequena degustación de produto de tempada co obxectivo de xerar un pequeno espazo distendido no que o público asistente poida realizar as súas propostas e achegas sobre próximas actividades a desenvolver desde a forestal. Deste xeito e, na medida do posible, poderase ir avanzando na elaboración dunha nova programación que resulte acaída aos intereses das persoas usuarias. 

Ciclo Arredor do Curro 

 O ciclo “Arredor do Curro” foi posto en marcha pola comunidade de montes de Oia e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través das axudas para actividades de carácter turístico do ano 2023. A programación incluíu unha serie de actividades divulgativas como unha pequena exposición de fotografías antigas, imaxes de hemeroteca e obxectos vinculados con esta tradición. A mostra permanece exposta na casa forestal desde o mes de maio e poderá visitarse o día 7 ao remate da conferencia.  

 Xunto coa mostra e a conferencia, o ciclo tamén integrou a celebración de varios paseos guiados interpretativos pola contorna dos curros da Valga, Torroña e Mougás. As saídas desenvolvéronse nos meses de maio, xuño e agosto e nelas participaron veciños e veciñas de Oia e municipios dos arredores, así como visitantes chegados desde diversos lugares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario