4 de out. de 2023

A GUARDA

Dous grandes filmes galegos - “Valentina” e “O Corpo Aberto” - abrirán a programación cultural de outubro 

• O Ciclo Mestre Mateo retoma a programación na vindeira semana, proxectando a sesión para público familiar na tarde do sábado 7, e o thriller protagonizado por Tamar Nová,s na noitiña do mércores 11 de outubro




Infogauda / A Guarda  

 No mes de outubro continúa o Ciclo Mestre Mateo de cinema galego, que a instancias da Academia Galega do Audiovisual e da Deputación de Pontevedra dera comezo o pasado mes de xuño, para achegar ata as vilas galegas unha mostra representativa do cinema que se está a facer en Galicia.  

 A programación prevista para este mes, inclúe a película infantil “Valentina”, gañadora do Goya 2022 á mellor película de animación que se proxectará o sábado 7 de outubro ás 18:00h.; o thriller “O Corpo Aberto” protagonizada por Tamar Novás, que se proxectará o mércores 11 as 21:00h. 




 E o documental “A Foreign song”, finalista da XXI edición dos Premios Mestre Mateo como mellor documental, mellor dirección de fotografía e mellor dirección de produción, que se proxectará o xoves 26 de outubro ás 20:30h.  Todas elas serán proxectadas no Centro Cultural e a entrada será de balde.   

“Valentina”, cinema familiar para o sábado 7 de outubro (18:00h – Centro Cultural) 

 A película “Valentina”, cóntanos a historia dunha nena que soña con ser trapecista, pero cre que non o poderá conseguir por ter síndrome de Down. A súa avoa anímaa a perseverar, xa que se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible.  Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender.  

 Sen dúbida unha película cargada de significado e positivismo, sendo un plan perfecto para gozar en familia o próximo fin de semana.   

 O filme foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo, así como do Premio Goya 2022, ambos na candidatura de mellor longametraxe de animación. E conta cunha páxina web propia na que podemos coñecer aos personaxes e a súa banda sonora, composta entre outros, por Emilio Aragón. 

O Corpo Aberto, a gran gañadora dos XXI Premios Mestre Mateo 



 O mércores 11 de outubro ás 21:00h. será o momento de poder gozar coa gran revelación do cinema galego do pasado inverno: “O Corpo Aberto”, que estivo nomeada ata en 19 categorías diferentes na XXXVII edición dos Premios Goya e que se fixo con ata 12 galardóns na edición 2023 dos premios Mestre Mateo. 

 Esta película cóntanos a historia de Miguel, un profesor novo destinado a unha pequena aldea con tradicións ancestrais na fronteira de España e Portugal: Lobosandus. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño e os sucesos que o rodean levarán a cuestionarse a Miguel os límites entre o mundo dos vivos e os mortos.   

 O ciclo continuará a partir do 26 de outubro coa proxección de tres documentais e unha película de animación para adultos. 

 Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:  

• 7 de outubro, “Valentina”, ás 18:00h. 

• 11 de outubro, “O Corpo Aberto”. ás 21:00h. 

• 26 de outubro,  A Foreign song”, ás 20:30h. 

• 10 de novembro, “Unicorns Wars”, ás 20:30h. 

• 16 de novembro, “Onde máis doe”, ás 20:30h. 

• 30 de novembro, María Casares, a muller que vivíu mil vidas”, ás 20:30h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario