4 de out. de 2023

TOMIÑO

Ante a praga de moscas que invade o municipio

As concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño voltan a denunciar a inacción e o silencio do Goberno Municipal 





Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / Tomiño

 Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño, voltamos a denunciar, unha vez máis, a falta de traballo, compromiso e acción, ante esta nova oleada de moscas que está a sufrir a poboación tomiñesa. 

 Hai máis de dous anos puxemos este grave problema enriba da mesa, e a resposta foi mirar cara outro lado e buscar excusas para xustificar esta invasión de moscas que está a afectar gravemente a saúde pública dos tomiñeses e tomiñesas, e tamén con consecuencias moi negativas no económico, pois establecementos de hostalería e de alimentación están a sufrir os danos, mesmo coa perda de clientes, sin ter absolutamente ningunha información, comunicación nin presenza por parte do Goberno Local. 

 Segundo información publicada na prensa galega o día 2 de outubro, a Xunta de Galicia e o Goberno Municipal están a pasarse a pelota de tellado a tellado, como vén sendo habitual neste Concello, pero ningunha das administracións asume ningunha responsabilidade. Falan de competencias e, coma sempre, esquecen as incumbencias, pois todo o que lle ocurre aos veciños e veciñas incumbe á administración local. Nese artigo publicado, o goberno municipal declara que este problema xa foi debatido no Parlamento Galego. Isto é falso. A iniciativa que ía presentar o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, foi freada dende aquí. Esa pregunta que ía rexistrarse na comisión 7ª, supúxolle ás concelleiras socialistas chamadas de teléfono intimidatorias, visitas inesperadas no fogar e mesmo coaccións, o que evidencia que existe interese de algún sector económico en bloquear a búsqueda de respostas e solucións a esta problemática. 

 Dende a Agrupación Socialista de Tomiño imos seguir insistindo en que este caso chegue ao Parlamento de Galicia para atopar as causas reais do que está a acontecer no noso Concello, pois o goberno nacionalista agóchase detrás dun informe da UVigo que non remata de concluír nada, logo de máis dun ano, mesas de traballo, presentadas en precampaña, que non se reúnen nin traballan e agora anuncian a solicitude de reunión na FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que dubidamos moito da súa efectividade. Mentres tanto a veciñanza segue sentíndose soa e indefensa ante esta praga que está a alterar as súas vidas sin que ninguén lles de solucións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario