3 de out. de 2023

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

MÚSICA E PALABRAS

 O primeiro venres de cada mes, ás 20:00 horas, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos

 Nesta ocasión, será o día 6 de outubro




Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 A iniciativa "Música e Palabras", promovida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, reanuda súa actividade. Será, como de costume, o primeiro venres de cada mes, na Casa Cultural da devandita Comunidade.

 Por ese motivo, a xunta reitora convida a todas ás persoas que o desexen, a asistir ao vindeiro evento "Música e Palabras", que terá lugar o venres día 6 deste mes de outubro, ás 20:00 horas.

 Nesta nova época que vai comezar na data indicada, ademais das achegas literarias (recitado de poesías - propias ou de outros autores -, lectura de relatos literarios, etc.), que calqueira persoa queira aportar, haberá música en vivo a cargo da cantautora María José Baz Martínez. 

María José Baz

 María José Baz Martínez (Salcidos - A Guarda, 1955), artista que conta con máis de medio século de traxectoria musical, é unha muller sempre disposta a colaborar en todo evento cultural e social que se poña en marcha na nosa vila. Dese xeito, desde fai varias décadas ela é unha participante habitual en festivais – benéficos, de panxoliñas,…-, presentación de libros, exposicións, homenaxes, e concertos que se organizan na Guarda, con motivo das Festas do Monte Santa Trega, no Recreo Artístico Guardés,…, e mesmo noutros eventos que se promoven en pobos da nosa contorna. 


María José Baz
Foto: Infogauda (Arquivo)

 Tamén ten participado como artista convidada en programas de radio e na televisión pública de Galicia, así como noutros medios, como Radio Obradoiro, no programa “Estamos contigo”, que dirixe o veterano xornalista Luis Rial Suárez.  

 Asemade, compre relembrar que María José é a inspiradora e coordinadora do Grupo de Corda Antorcha, colectivo interxeracional maioritariamente feminino, que tantos e tan gratos momentos tennos brindado.

 Como cantautora, un dos fitos de María José foi a gravación de Crepúsculo Mental, seu debut discográfico, en autoedición. Ese álbum, en formato CD, consta de 10 temas (Si supieras; Crepúsculo mental; Olvidó; Toca la gaita; Mi poema de amor; Hasta el Cielo; Galicia Bella; Padre Nuestro de las Alas Rotas; O Fiel Galego; e Mis Secretos), con letras de Estrella Velasco Sanz (Elfa); música, guitarra e voz de María José Baz Martínez.   

 Nese traballo colaboraron Lucía Alonso (teclados), Alba Rodríguez (violonchelo) e Nieves Álvarez (frauta traveseira).

 A colaboración de María José Baz en "Música e Palabras", vai ser, con certeza, unha nova proposta músico-vocal que ben merece á asistencia da veciñanza de Camposancos e de todas aquelas persoas que tamén queiran gozar dese evento cultural no que se mesturan dous ingredientes fundamentais para vivir: amizade e cultura. 

 Un cóctel saboroso. Apto para todos os públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario