5 de set. de 2023

MEDIO AMBIENTE

Crónica dunha grata viaxe dominical por terras lucenses

UN ESTRIPEIRO PLURICENTENARIO NO MUSEO PAZO DE TOR

 Que ben merece súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia


Visita de escolares ao Museo Pazo de Tor. Ao fondo á dereita, o estripeiro pluricentenario existente nesa propiedade
Foto: Museo Pazo de Tor


Ricardo Rodríguez Vicente / Tor (Monforte de Lemos)

  Desde A Guarda (Pontevedra), ata o embarcadoiro de Belesar (O Saviñao - Lugo), cunha única "parada técnica", na Cañiza; o pasado domingo día 3 de setembro de 2023, saímos da vila guardesa un grupo de persoas para pasar unha xornada de lecer. 

 Segundo o previsto, chegamos ao embarcadoiro de Belesar con tempo suficiente para acceder momentos despois a un dos barcos - catamarán -, operados pola Deputación provincial de Lugo. A bordo, ademais do patrón e un axudante, ía unha guía que durante o recorrido foi informando aos viaxeiros respecto as características de territorio, así como da viticultura (variedades de vides, sistema de cultivo - bancais -, antigüidade das plantacións, datas de comezo de vendima, producción,...), así como do patrimonio cultural, etnográfico e natural, existente na zona da Ribeira Sacra do Miño, na que destaca a maior concentración de igrexas de estilo románico rural de toda Europa. 

 Ao longo do roteiro, os viaxeiros puidemos saber da presenza do martiño peixeiro (Alcedo atthis)o gaio (Garrulus glandarius),..., entre outras aves, propias destes ecosistemas, e mesmo contemplar unha garza real (Ardea cinerea), nun pousadoiro, agardando o momento de pescar.

 Durante o percorrido tivemos oportunidade de desfrutar coas vistas dos bancais onde os paisanos das aldeas e concellos da contorna (Belesar,  Diomondi, Arxeriz, Praia da Cova, Santo Estevo de Ribas de Miño, O Saviñao - por certo, na Devesa, Escairón, ese día estaban celebrando a Festa da Vendima do Saviñao -,...), manteñen vivo - cun enorme sacrificio persoal e económico - o cultivo milenario - suxeito as vixentes normativas da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra - de diferentes variedades víníferas (mencía, merenzao, brancellao, sousón, caiño tinto, caiño branco, godello, treixadura, albariño,...).

 Oportunidade tamén para admirar a riqueza paisaxística, configurada por soutos de castiñeiros, carballeiras e piñeirais, ainda que tamén é doado atoparnos con érbedos (Arbutus unedo), e mesmo para comprobar que na ribeira do encoro ainda queda algún batuxo - embarcación moi antiga -, necesario como medio de transporte entre aldeas situadas en diferentes ribeiras; para acceder aos bancais e en tempo de vendima, transportar os acios ata a adega.

 No que respecta a fauna acuática, resulta desalentadora a presenza - como se nos informou - de especies invasoras, entre elas a perca negra (Micropterus salmoides) e o cangrexo americano (Procambarus clarkii). Entendemos que a Administración autonómica e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, teñen - así o considera este cronista - labores pendentes ao respecto.

 Ao chegarmos ao meandro “Cabo do Mundo”, comeza a retorno ao punto de orixe. A traxectoria permítenos desfrutar da beleza das árbores e das cores dos liques e musgos que enfeitan os penedos, que se reflicten nas augas do encoro de Belesar, que a día de hoxe (04 de setembro de 2023) ten 267hm3 de auga acumulada, atopándose ao 40.76% da súa capacidade total (655 hm3).

 A climatoloxía da xornada é suave. Nada que ver co que estaba acontecendo noutros lugares da Península Ibérica, e por suposto, tamén nada que ver coas previsións do tempo facilitadas nos días previos.

 O retorno ao embarcadoiro do Saviñao permitiunos tamén reflexionar que estabamos no Camiño do Inverno, etapa 5 (Monforte de Lemos - Chantada), de 31,6 Km., un itinerario rico en arquitectura relixiosa, vistas panorámicas, paisaxe e paisanaxe.

 Unha nova "parada técnica", e volvemos sobre os nosos pasos, para irmos en dirección a Monforte de Lemos, onde no restaurante Barcelona, xantamos cómodamente, desfrutando dun saboroso e xeneroso menú, coa súa correspondente sobremesa. Excelente trato, bo servizo e boa comida.

 Despois do xantar saímos en dirección ao Museo Pazo de Tor, onde tiñamos concertada a visita. Alí nos agardaban unha parella de guías, que cunha amabilísima atención nos amosaron as diferentes estancias e nos ilustraron cunha síntese da historia dese pazo. 

 "O Museo Pazo de Tor atópase preto da cidade de Monforte de Lemos. Acolle unha importante biblioteca, catro salóns corridos, escalinata barroca e unha colección de armaduras (séculos XIV- XV), así como mobles e pinturas do século XVI.  

 As orixes deste pazo están ligados á liñaxe dos Garza desde o século XIV ata a súa doazón por parte da última herdeira á Deputación de Lugo no ano 1993. A condición foi que debía abrirse gratuitamente a todos os monfortinos e o mobiliario e a distribución de aveños e de obras artísticas debían manterse segundo o establecido.  

 O edificio, situado nunha elevación natural que o converte en miradoiro sobre o val de Lemos, construíuse a finais do século XVIII con estilo barroco matizado polo neoclásico. Con forma de U e dúas plantas. A planta superior era a residencia dos donos do pazo mentres que a inferior utilizábase para vivendas dos criados e todo tipo de dependencias necesarias como adega, cuadras, cabalerías,…  

 Toda esta distribución e mobiliario orixinal en excelente estado de conservación fai que sexa un lugar ideal para coñecer a vida nos pazos galegos, polo que a Deputación provincial de Lugo convérteo en Museo Etnográfico, pasando a formar parte da Rede Museística Provincial.  

 No ano 2006 abre as súas portas con 17 dependencias co seu mobiliario orixinal, entre as que destacan a biblioteca, a sala de armas ou a sala de música, na que se atopan uns instrumentos de extraordinaria rareza: un claviórgano Longman & Broderip e un pianoforte Collard&Collard". Esa é a información que facilita o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

 En todo caso, na nosa grata estadía no Museo Pazo de Tor - cuxa visita suxerimos -, observamos a existencia dun estripeiro  (Crataegus monogyna) - tamén coñecido como pereira brava -, situado no patio interior do Museo Pazo de Tor, que ao noso modesto e limitado entender, polas súas características, debería solicitarse súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.


Estripeiro  (Crataegus monogyna) en época de floración

 Se consultamos o Dicionario da Real Academia Galega, a voz estripeiro, dínos: Arbusto espiñoso da familia das rosáceas do que existen diversas especies, con froito non comestible, que se utiliza para enxertar pereiras e maceiras.

 O exemplar que tivemos oportunidade de ver no Museo Pazo de Tor, xa non é un arbusto, senón unha árbore. Se tomamos como referencia os estripeiros que coñecemos desde nosa infancia ata actualidade, na localidade - A Guarda - onde este cronista naceu, e facemos unha simple comparativa do calibre dos troncos, podemos afirmar que o estripeiro existente no Museo Pazo de Tor é pluricentenario. Probablemente fose plantado nas orixes do Pazo de Tor. É o que é máis importante: que haxa chegado tan robusto e sano ata a actualidade.

 Como agradounos moito poder contemplar un exemplar de estripeiro tan fermoso, fixemos unha suxestión a guía que nos acompañou na visita, propoñendo o inicio do procedemento para súa inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

 O estripeiro existente no Museo Pazo de Tor é un verdadeiro patrimonio natural vivo. Estamos referíndonos a unha verdadeira reliquia botánica que na nosa opinión persoal - e seguindo os criterios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da Xunta de Galicia é "(...) merecedora de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais característica do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético (...)". 

 A selección de árbores ou formación a incluir no Catálogo galego de árbores senlleiras realizase no marco do procedemento de catalogación definido no Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, seguindo uns criterios básicos que teñen como obxectivo avaliar as características anteriormente indicadas (idade dos exemplares, relevancia cultural, valor estético, rareza na súa situación ou na súa distribución, etc.). Segundo os métodos o máis obxectivos posibles, estes criterios son establecidos e aplicados por un órgano consultivo de expertos, denominado Comité das Árbores Senlleiras, o cal foi creado no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, que informa á Administración previamente á catalogación dos exemplares (...)".

 "(...) As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, á súa saúde e á súa aparencia. Estes exemplares serán posuidores dunha protección legal que tamén afectará ao seu ámbito inmediato, e os propietarios, en caso de habelos, terán axuda oficial para coidalos. Esta liña de conservación supera no seu ámbito de acción o campo estritamente biolóxico, ao incorporar o valor antropolóxico desde o punto de vista da estética e a sensibilidade do pobo ao seu contorno.

 O Catálogo galego de árbores senlleiras está reservado a uns poucos exemplares ou formacións que, como se comentou, reunen unhas características moi saliantables. Por elo, previamente a presentar unha solicitude o interesado debe de asegurarse de que o candidato presenta estes valores. Poden solicitar a catalogación aquelas persoas propietarias das árbores ou formacións, outras administracións públicas, centros de investigación ou asociacións de entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza, mediante a presentación do correspondente modelo de solicitude acompañado dunha memoria xustificativa e de toda a información adicional da súa condición de senlleiro".

 Agradecemos infinito a escoita activa que amosou a nosa suxestión, a guía que nos acompañou na visita, non soio pola súa profesionalidade no seu labor, senón por amosar interese na devandita proposta respecto a estripeiro do Museo Pazo de Tor. Faríanos moi felices que nun prazo razonable de tempo, o devandito estripeiro sexa incluído - como é merecente - no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.


 Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

• Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

 Arbores e formacións senlleiras de Galicia.

 Árbores Senlleiras de Galicia. Guía de Viaxe

  Listaxe de árbores e formacións senlleiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario