5 de set. de 2023

A GUARDA

O VOLANTEIRO "PIUEIRO" ENCALLOU NO LITORAL PORTUARIO, FRONTE AS CASETAS

A posible causa dese varamento puido ser a rotura do "morto" de fondeo


Estado no que se atopaba o volanteiro "Piueiro", arredor das 11.30 horas deste martes día 5 de setembro de 2023
Momento no que varias persoas retiran para terra a vela do volnateiro siniestrado
Fotos: Infogauda

As imaxes reflicten os momentos de izado e retirada do volanteiro para seu posterior traslado ao estaleiro da Pasaxe
Fotos: Asociación Piueiro



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Na madrugada deste martes día 5 de setembro de 2023, o volanteiro "Piueiro", de A Guarda, foi contra as pedras, fronte ao lugar coñecido como As Casetas, onde houbo un establecemento de talasoterapia, coñecido popularmente como a Casa de Baños. Segundo membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, "este accidente debeuse, á rotura do cabo do morto do fondeo". 

 Nada máis recibir as primeiras mostras de apoio, a Asociación Piueiro fixo público o seguinte comunicado: "Gracias a todos os que os estades interesando polo estado do "Piueiro", asociacións e persoas de Galicia e fora de Galicia amantes da cultura mariñeira. Estamos traballando para sacar o barco das pedras e levalo ao asteleiro para evaluar os danos. Agardamos que non sexa nada! Iremos informando". 

 Desde o Concello de A Guarda, o alcalde Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, e outros membros do goberno municipal, desprazáronse ata o lugar onde se atopaba o volanteiro "Piueiro", encallado nas rochas do porto de A Guarda. Tamén acudiron membros da Policía Local - que acordoou a zona - e do GES de A Guarda, así como veciños da localidade, entre eles o ex alcalde Antonio Lomba Baz, que xunto con outras persoas axudou a sacar pra terra a vela do volanteiro.  

 O barco foi retirado das rochas do litoral por un guindastre e trasladado a un estaleiro en A Pasaxe (Camposancos) A Guarda.  

 Posteriormente o Concello de A Guarda, fixo público a seguinte mensaxe: "Esta mañá encolléusenos o corazón ao ver o "Piueiro" varado nas rochas do porto. 

 Pronto voltará a sucar o mar o que xa é bandeira e símbolo de A Guarda e de todas e todos os guardeses. O Concello bogará sen dudalo con tódalas súas forzas, como un mais, para que así sexa. 

 Avante Piueiro!"

 Desde a Asociación Cultural Recreativa Sueste indican que "os danos, en espera de mellor valoración no estaleiro, non son graves no casco; non é así no motor e toda a instalación eléctrica que terán que ser arranxados".

 A Asociación Cultural Recreativa Sueste lembra que "o volanteiro "Piueiro" viña de participar o pasado sábado día 2 deste mes, na actividade "Inchadiña branca vela", en Padrón, sendo de grande admiración que unha embarcación de tal porte poida navegar polo río Sar e achegarse ata a rosaliana vila". 

 Compre salientar que a asociación Sueste púxose en contacto con membros da Asociación Piueiro para transmitirlles a súa solidariedade e ofrecer a súa "colaboración para o que poidan precisar".

 Asemade, "o goberno municipal do Concello de A Illa de Arousa quere mostrar a súa solidariedade e apoio á Asociación Piueiro, do concello da Guarda que na preamar de hoxe con forte vento, o punto de fondeo tivo algúns problemas e non aguantou acabando o barco na escollera. Afortunadamente os danos non foron moitos e o barco está xa en terra fóra de perigo. 

 Aproveitamos tamén para pedir maior protección para o noso patrimonio marítimo do que tan orgullosos estamos e que precisa da implicación de tódalas administracións para a súa defensa e protección, provisión de amarres axeitados nos portos e normativa que recoñeza a súa singularidade e posta en valor. Moito ánimo dende a Arousa á Asociación Piueiro e que pronto navegue de novo polo noso mar o "Piueiro". 

 A solidariedade tamén chegou desde a Escola de Navegación Tradicional ACD Dorna: "Aperta moi forte para o colectivo amigo Asociación Piueiro  co que inda acabamos de compartillar Inchadiña Branca Vela. 

 Unha vez máis, queda ao descuberto a desprotección do noso patrimonio marítimo, o patrimonio marítimo de todas as persoas galegas. 

 Quedámonos coas sabias palabras de  Joaquin Cadilla Castro (Balueiro): "Cómpre estar unidos e seguir reclamando protección para o noso patrimonio náutico".

 As mostras de solidariedade coa Asociación Piueiro non paran de facerse públicas. Entre elas está a da Asociación Folclórica Vento Mareiro, de A Guarda, que manda "moito ánemo, que o volanteiro teña os menos danos posibles e pronto volva a navegar". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario