4 de set. de 2023

CULTURA

Inauguración da exposición de Amelia Palacios

"Construír a paisaxe.Apuntamentos e obras sobre a arquitectura de Antonio Palacios" 

Na Casa de Galicia en Madrid, desde este martes día 5 de setembro, ás 19:30 horas.


Amelia Palacios
Foto: Álex Vázquez-Palacios

Infogauda / Madrid

 Con motivo do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios Ramilo, Amelia Palacios elaborou unha mostra homenaxe á súa figura e obra centrada nos proxectos desenvolvidos en Madrid por este xenial arquitecto galego. A Amelia Palacios únelle, ademais do apelido, un profundo agarimo e admiración cara á súa figura, xenial creador, a dun home visionario, orixinal, responsable da modernización da capital e defensor, ao mesmo tempo, do estilo rexionalista galego.   

 Todos os debuxos da exposición foi realizados ao longo da última década, en diversas técnicas e formatos. Son apuntamentos, interpretacións, dunha selección de obras emblemáticas do arquitecto Antonio Palacios.  

 A exposición poderá visitarse ata o 29 de setembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.  

Amelia Palacios (Pontevedra, 1986)  

 Reflicte a través da súa obra a procura polo equilibrio poético das atmosferas galegas. Nada en Pontevedra, non sabe dicir cando empezou a pintar. Desde que lembra, convive con teas, pinceis e pinturas. Aos 17 anos, o seu traslado a Madrid para estudar arquitectura, afastouna do mar e das brumas, creando nela a necesidade de regresar ao ambiente acuoso das rías galegas a través da pintura. Creadora inquieta, explorou distintos campos artísticos, movéndose entre a ilustración, o deseño, vídeo -arte, arte e natureza, libros de artistas entre outros-.  

 Expón a súa obra con regularidade desde o ano 2005, mostrando as súas creacións en numerosas exposicións individuais e colectivas. Os seus traballos forman parte de coleccións privadas e institucións.

 Antonio Palacios

 Antonio Palacios Ramilo durante a súa carreira realizou gran parte da súa obra na cidade de Madrid, así como nalgúns puntos de Galicia, e de menor importancia noutras localidades españolas. Destacou por ser o responsable dalgúns dos edificios máis emblemáticos de Madrid que contribuíron a transformar a antiga vila barroca nunha metrópole moderna. A pesar de residir permanentemente en Madrid, e de realizar nesta cidade algunhas das súas obras máis coñecidas, sempre mantivo un vínculo cultural e profesional coa súa contorna galega natal. A produción arquitectónica de Palacios alcanza o seu punto álxido no período que vai entre 1910 e 1926. Exerceu tamén como profesor de debuxo na Escola Superior de Artes e Industrias; e da materia proxectos de detalles arquitectónicos, na Escola de Arquitectura de Madrid durante os cursos de 1914-1915 e 1915-1916.  

 O seu estilo arquitectónico inicial adhírese a Secesión vienesa (en alemán Sezessionsstil), e aos poucos evoluciona cara a un rexionalismo arquitectónico, aínda que sen abandonar raíces hispanas caracterizadas polos estilos plateresco e manuelino. Posúe ademais fortes influencias expresionistas. Preocupado sempre nas súas obras polo tratamento pétreo das súas fachadas, mostra ser desde os inicios un gran coñecedor da estereotomía na pedra. Moitas das súas obras sobreviviron ao paso do tempo grazas a rehabilitacións arquitectónicas, cambiando as súas funcións orixinais e acollendo sedes de organismos privados e do Estado, como sucede en tres dos seus máis representativos edificios de Madrid; o Palacio de Comunicacións (sede do Concello de Madrid), o Hospital de Xornaleiros de Maudes (Consellería de Transporte da Comunidad de Madrid) e a Casa das Cariátides (sede da central do Instituto Cervantes), ás que rende homenaxe nesta exposición Amelia Palacios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario