16 de ago. de 2023

SALCIDOS (A GUARDA)

VII EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA SALCIDOS EN BRANCO E NEGRO

 Os días 18,19 e 20 de agosto de 2023, no Salón Parroquial de Salcidos


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Para "reencontrarnos" cos nosos devanceiros, mulleres e homes da parroquia de Salcidos, e ao mesmo tempo poder lembrarnos de nomes e sobrenomes de persoas que en moitos casos xa non están connosco; anécdotas, vivencias, xornadas de lasqueo (traballo) na cabaqueira (telleira), no campo ou no río; días de festa (no entroido do Castro; polo san Xoán, san Lourenzo e o san Roque, en Salcidos, e As Mercedes, na Gándara; de deporte, nos campos das Cachadas, O Viso, A Ribeira,...; entre outros temas de interese xeral; Antonio Fontenla Martínez - coa colaboración de algunhas persoas prestas a axudar - organizou a VII Exposición Fotográfica Salcidos en Branco e Negro.

 A mostra, que reúne máis de 300 fotografías ampliadas, a maioría en branco e negro, ainda que tamén hai unhas decenas a toda cor; poderá visitarse os días 18,19 e 20 deste mes de agosto de 2023, de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas, no Salón Parroquial de Salcidos.

 Compre salientar que na primeira xornada de exposición - o pasado día 10 deste mes -, moitas persoas - entre elas o alcalde Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Cultura, Celso Rodríguez Fariñas - xa visitaron a exposición, quedando moi agradecidas por esta nova iniciativa cultural do grupo Salcidos en Branco e Negro, que coordina Antonio Fontenla Martínez.

 A entrada a VII Exposición Fotográfica Salcidos en Branco e Negro  é libre e de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario