20 de xuño de 2023

EMPREGO

A Xunta de Galicia financia a contratación de 19 socorristas para a próxima campaña de verán en cinco concellos do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta  

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade anunciou a concesión de 35.490 euros para os municipios da Guarda, Tomiño, A Cañiza, O Rosal e As Neves para garantir a seguridade en praias, zonas fluviais e piscinas


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 10 socorristas para a próxima campaña de verán en cinco concellos das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais. 

 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade informou da concesión destas axudas, que veñen de notificarse aos concellos beneficiarios e que nestas bisbarras ascenden a 35.490 euros. 

 Así, o departamento autonómico aprobou tres axudas de salvamento a prol do concello de A Guarda para as súas praias, por importe de 10.560 euros; dúas para a praia fluvial de Goián, en Tomiño (7.040 euros); outras dúas para as piscinas  de A Cañiza (6.970 euros); dúas para As Neves (7.400 euros); e unha para o servizo de salvamento e socorrismo na praia das Eiras, no concello do Rosal (3.520 euros). En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.

 “A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, sinalaron dende a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario