20 de xuño de 2023

A GUARDA

Polo Día Internacional de Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas 

Érguete Baixo Miño súmase á campaña #CambiaElGesto de UNAD para defender os dereitos das persoas con adicións e eliminar estigmas 

• O obxectivo é por o foco nas persoas e na necesidade de abordar o problema do consumo de drogas como asunto de saúde pública 

• A campaña estará vixente en redes sociais ata finais do mes de xuño 




Érguete Baixo Miño / A Guarda 

 Con motivo do Día Internacional de Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, que se celebra cada 26 de xuño, a Asociación Érguete Baixo Miño súmase a UNAD, a Rede de Atención ás Adicións, e á campaña #CambiaElGesto co obxectivo de por o foco nas persoas con drogodependencias e outras adicións. Así coma na defensa dos seus dereitos, a eliminación de estigmas e o fortalecemento da prevención. 

 Ademais, tamén poñemos de manifesto a necesidade de abordar o problema do consumo de drogas como un asunto de saúde pública. Invertendo, polo tanto, en programas de prevención, educación e tratamento e non en medidas que perseguen e encerran ás persoas consumidoras. 

 A fin é sensibilizar e concienciar á sociedade de que as persoas con drogodependencias e outras adicións teñen os mesmos dereitos que aquelas que non as teñen e, polo tanto, deben ser tratadas e respectadas en igualdade de condicións en todos os ámbitos da vida, ao igual que as súas familias. Do mesmo xeito, preténdese provocar un cambio social, un cambio de miradas e de xestos para eliminar estigmas e situacións de desigualdade que illan e invisibilizan a estas persoas e incluso lles impiden acceder a tratamentos polo medo ao “que dirán”. 

 O presidente de UNAD, Luciano Poyato, explicou que “os xestos e a comunicación non verbal de cada persoa sobre o resto, ou sobre un tema concreto, é tan grande que cunha mala expresión pódese xerar rexeitamento, desigualdade, estigma. Pero, pola contra, cun uso axeitado pódese crear un entorno favorable, unha empatía e un acompañamento a alguén que o necesita”. 

 Polo tanto, o presidente confía en que a campaña “cale” porque as drogodependencias e outras adicións seguen estando moi presentes na sociedade e proba son as case 40.000 persoas que se atenden cada ano na rede UNAD. 

 A identidade visual da campaña amosa unha superposición de malos xestos, con outros que se consideran mais adecuados e que conlevarían a ese cambio no imaxinario colectivo do que son as persoas con drogodependencias e outras adicións. 

 Baixo o hashtag #CambiaElGesto a campaña difundirase a través das redes sociais ata finais de xuño utilizando unha proposta e unha linguaxe adaptada á realidade dixital co obxectivo de acercarse ao público ao que se dirixe. Ademais, se completa cunha publicación dun manifesto e o envío deste aos principais partidos políticos e institucións deste país. 

UNAD 

 UNAD es una rede de ONG que intervén no ámbito das adicións con e sen sustancia e dos problemas que derivan delas. Está integrada por mais de 200 organizacións repartidas por toda España que comparten un modelo común centrado na persoa. Anualmente atende a mais de 38.000 persoas con adicións e as súas familias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario