Mª MERCEDES MARTÍNEZ VÁZQUEZ, REELEXIDA ALCALDESA-PEDÁNEA DA ENTIDADE LOCAL MENOR DE CAMPOSANCOS
Na mañá de hoxe celebrouse o acto de constitución da xunta veciñal
Infogauda / Camposancos
Ao mediodía de hoxe, 23 de xuño, na sede da Entidade Local Menor (E.L.M.) de Camposancos celebrouse a constitución da xunta veciñal da devandita E.L.M., acto que contou coa asistencia dunha representación da veciñanza de Camposancos e tamén de A Guarda.
Interviu como secretario o funcionario do concello de A Guarda, José Carlos Martínez Crespo.
De acordo cos resultados obtidos na xornada electoral do día 28 de maio, á alcaldesa - pedánea da Entidade Local Menor, volta ser Mª Mercedes Martínez Vázquez "Merchi", do BNG, que xa exercera ese cargo na mandato precedente.
Polo que respecta aos demais membros da xunta veciñal, son ás seguintes persoas: Ricardo Fernando Portelas Vilas, do BNG; Mª Jesús Martínez Martínez e Sandra Mª Martínez Gómez, do PP; e Mª Luz Alonso Carrero, do PSdeG-PSOE.
Logo das respectivas tomas de posesión dos seus cargos (presidenta e vogais), Mª Mercedes Martínez Vázquez, dirixiuse as veciñas e veciños de Camposancos, facéndoo nos seguintes termos:
"Por segunda vez Camposancos confiou en min. Todo un orgullo conseguir tan exitoso resultado. O pobo falou e teño que darlle as grazas pola súa confianza.
Continuaremos cos proxectos iniciados e que están avanzados e coa experiencia xa de 4 anos por diante, confiamos en que todo sexa máis fácil.
Continuaremos coa mesma ilusión e paciencia que hai 4 anos traballando polo ben común dos camposinos e camposinas.
Como sabedes Camposancos elixe só á presidenta, o resto dos vogais sae en función dos resultados das municipais do concello. Seguimos pois gobernando en minoría como fixemos nos catro anos anteriores.
Tendemos a man ao resto das vogais para que a entidade funcione o mellor posíbel.
O seguimento de augas vai ser o punto máis importante deste goberno que continúa, mais non deixaremos atrás o coidado do noso patrimonio, a limpeza de rúas e sendas, a toponimia, o Nadal, o Día da MullerTraballadora, a nosa participación co deporte, as actividades culturais, o taller de memoria e como non, as visitas aos distintos organismos para que se nos escoite.
Non imos esquecer tampouco facer todas as xestións que procedan e mesmo a presión necesaria diante da Xunta de Galiza para que dunha vez por todas a senda peonil tan necesaría entre Camposancos e A Guarda se convirta nunha realidade.
De novo camposinos e camposinas moitas grazas por confiar en min, espero non perder esta confianza e seguir traballando ata o infinito como hai 4 anos prometin.
Moitas grazas".
.jpg)
.jpg)
.jpg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario