16 de maio de 2023

TUI

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui acada o 46% de insercións laborais en 5 meses 

 Supera xa o obxectivo do 45% fixado ao remate desta acción que será dentro de seis meses  


Traballadoras dun establecemento de Tui
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui acadou xa o 46% de insercións laborais entre as 100 persoas participantes nos cinco primeiros meses de actividade. Supérase así xa o obxectivo fixado do 45% de inserción ao remate do programa previsto para dentro de seis meses.   

 Dende que comezou en xaneiro ten realizado unha intensa actividade impartindo 28 accións formativas en competencias dixitais, adestramento, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos, xestión de almacén, atención ao cliente en aloxamentos turísticos… A isto suman a realización de entrevistas personalizadas coas 100 persoas participantes, estableceron convenios de prácticas con 5 empresas, realizaron accións de prospección e intermediación laboral con máis de 40 empresas, e tramitaron máis de 180 ofertas.   

 Das 46 persoas que lograron dende xaneiro un posto de traballo, destacan dende o Programa Integrado de Emprego, o 60% están a traballar en empresas ubicadas en Tui, destacando a concelleira de Formación e Emprego, Ana Nuñez que “o tecido empresarial tudense está sendo o principal recrutador de persoal”. Engade, Ana Nuñez que “este dato implica unha mellora da calidade de vida das persoas que se incorporan ao mercado laboral así como un fortalecemento das empresas tudenses que están creando emprego con  talento local”.  

 Dende o Programa Integrado de Emprego apuntan que algunhas das empresas comprometidas na contratación de persoal e socialmente responsables co emprego local son  Valver, Naldo Costas, Ideas Peregrinas, Hotel Alfonso I, Restaurante El Niño Trasto, Pepco, Joyería Time Road, Moveratus, Restaurante La de Manu, Amoralia, Talleres Seixal, Equigalia, Bar O Descansiño ou a Residencia Paz e Ben. Tamén cabe destacar a colaboración doutras como Coplegal, Serveo, Albo ou Externa ETT.  

 Por outra parte a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, destaca como “a cercanía dos postos de traballo co domicilio das persoas traballadoras, mellora significativamente a súa satisfacción laboral e as posibilidades de conciliar a súa vida familiar e laboral”.  

 Os colectivos aos que pertencen as persoas do programa de Emprego, son moi variados, pero cabe destacar que un 65 % son mulleres. A incorporación ao mercado laboral de persoas migrantes ou pertencentes a etnias minoritarias é outro dos éxitos do programa que demostra que tras o esforzo e unha boa actitude se atopa sempre o resultado.   

 O programa integrado continua a súa andadura e prepara o inicio  dunha nova actividade formativa. Será un curso de “Atención ao cliente para supermercados e estacións de servicio”, co fin de mellorar a empregabilidade e xerar novas oportunidades laborais ás persoas que aínda non acadaron un posto de traballo.   

 Cómpre lembrar que no Centro Municipal de Formación, situado en Guillarei, préstase atención personalizada a persoas desempregadas a través do Servizo Municipal de Orientación e Emprego. Este centro municipal ten na actualidade plena ocupación das súas instalación xa que amais do Programa Integrado de Emprego e do Servizo Municipal de Orientación e Emprego acolle tamén o Obradoiro de Emprego Senda do río Furnia, entre outras iniciativas.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario