19 de maio de 2023

A GUARDA

Antonio Lomba lamenta que “o señor Rueda marchase da Guarda sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta desde hai anos"  

 "Serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora", afirma o candidato socialista  


Antonio Lomba dirixíndose á veciñanza de Ribadavila, en dous actos celebrados en Laxe Grande e na praza da Guía


Infogauda / A Guarda

 Antonio Lomba, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de A Guarda, lamenta que “o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viñera onte ata A Guarda e marchase sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta. 

 “Seguiremos esperando por parte da Xunta e do candidato do PP vontade política para desbloquear proxectos moi importantes para a Guarda que son competencia do goberno autonómico, rexeitando por exemplo apoiar o acceso sur ao porto, unha infraestrutura fundamental para o noso concello”, lembra Antonio Lomba. 

 “Non fixeron referencia a ningún dos grandes proxectos para A Guarda que dependen da Xunta; ou o señor Rueda non sabe nada da realidade da Guarda ou non quere adquirir compromisos porque ten datos de que Roberto Carrero non vai a ser o próximo alcalde”, sostén. 

 “A Guarda avanza grazas aos investimentos da Deputación, do Goberno estatal, dos fondos europeos que conseguimos desde o concello e dos recursos municipais. É inaceptable a ausencia da Xunta para mellorar a Atención Primaria na sanidade, ou para axilizar as obras da autovía a Tui”, engade.

 O candidato socialista fai mención a outros proxectos que son competencia da Xunta, “como a senda arredor do Trega para mellorar o tránsito peonil na PO-352 de Camposancos, ou a renovación do embarcadoiro do ferry a Caminha, impracticable desde o ano 2021”. 

 Por último, Antonio Lomba garante que "serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario