18 de maio de 2023

A GUARDA

ANTONIO LOMBA CONSIDERA "UNHA PRIORIDADE A RENOVACIÓN INTEGRAL DA PISCINA MUNICIPAL" NO PRÓXIMO MANDATO


Infografía da piscina municipal de A Guarda


Infogauda / A Guarda 

 A Guarda é un concello referente en materia deportiva no eido das infraestruturas, no apoio aos clubs, entidades e deportistas, na celebración de eventos e por contar cun importante e variado movemento asociacionista que, da man do actual grupo de goberno socialista, dinamiza a vila”. Esa é a reflexión que veñen de facer pública desde á Agrupación do PSdeG-PSOE de A Guarda.

 “Para continuar con este importante labor, Antonio Lomba, candidato do PSdeG-PSOE á reelección como alcalde nas municipais do 28 de maio, propón novas medidas no seu programa encamiñadas a mellorar as diferentes instalacións municipais, así como a construción dunha pista de Pump Truck na zona do porto”. 

 Unha das principais actuacións que prevén acometer os socialistas “no próximo mandato é a renovación integral da Piscina Municipal”, para a que xa presentaron “un proxecto de reforma e rehabilitación enerxética aos fondos Next Generation da Unión Europea. O orzamento desta importante obra, que prevé un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume, ascendía a 2,3 millóns de euros. 

 Na partida contémplanse, entre outras cousas, unha nova iluminación LED, a ampliación do ximnasio e o spa, abrir un novo vaso para os nenos e nenas, unha sala de usos múltiples, xunto á mellora dos equipos e da estética do edificio e o seu entorno”. 

  “Trátase dun proxecto ambicioso que permitirá a modernización e a renovación integral da piscina, facéndoa máis eficiente e accesible. Supón unha obra moi necesaria porque é unha instalación clave para a nosa veciñanza á hora de practicar deporte, pero tamén un recurso importante de cara ao mantemento e a mellora da saúde”, subliña Antonio Lomba. 

 Os socialistas avanzan que tamén reformarán “as actuais instalacións do campo de fútbol, coa creación dun novo espazo para vestiarios, ximnasio e zona de actividades e reunións”, continuarán “mellorando o parque deportivo do Codesal”, e acondicionarán “a pista de baloncesto no Centro Cultural”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario