16 de mar. de 2023

O ROSAL

O Concello mellora a accesibilidade dos vestiarios do campo municipal de fútbol da Mata  

 Investíronse case 116.000 euros financiados con fondos propios e a través do Plan Concellos 2022  


O Goberno municipal vén de rematar as obras de mellora da accesibilidade nos vestiarios do campo municipal de fútbol A Mata
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal segue dando pasos na súa aposta por un municipio máis inclusivo e accesible para todas as persoas e en todos os eidos da vida. Neste camiño, o Goberno municipal vén de rematar as obras de mellora da accesibilidade nos vestiarios do campo municipal de fútbol A Mata, “garantindo así o acceso a toda as persoas e convertendo de forma progresiva todas as dependencias municipais que aínda non o eran en espazos inclusivos”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Situados nunha edificación anexa na parte posterior das bancadas do campo de fútbol, o espazo estaba dividido en sete vestiarios, catro deles comunicados de dous en dous nos espazos das duchas, no que se reparten os equipos locais, visitantes e árbitros. Para salvar as dificultades de acceso existentes anteriormente, con estas obras estableceuse unha nova distribución do conxunto dos vestiarios, eliminando os espazos dedicados ao almacenamento de material de adestramento e o último dos vestiarios existentes. 

 Con esta nova distribución todos os vestiarios pasaron a ser independentes, aumentando o número de duchas dispoñibles e xerando cabinas accesibles que tamén funcionan como aseos accesibles. Ademais, instalouse unha porta de paso corredeira entre os vestiarios 1 e 2 e os 3 e 4 de forma que poidan comunicarse interiormente en caso de necesidade para convertelo un espazo único co dobre de capacidade. Ademais, abríronse novas portas en dous dos vestiarios e na zona de árbitros ampliouse o paso libre da porta de acceso ao interior. 

 As obras contaron cun investimento de case 116.000 euros dos que case 74.000€ foron financiados con fondos propios do Concello do Rosal e outros 42.000 euros foron subvencionados a través do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. 

 Este é o primeiro paso para conseguir a accesibilidade total no campo municipal de fútbol A Mata. O Concello xa está a traballar no proxecto do cambio de céspede no campo, unha necesidade importante detectada no traballo conxunto coa U.D. Ribera para a reforma das instalacións. Tras este cambio, o proxecto continuará coas obras de mellora da accesibilidade na zona de entrada ás instalacións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario