Pensionistas e xubiladas da CIG concéntranse nas oficinas do INSS das sete cidades contra a exclusión dixital
• Representaron as colas que teñen que facer para conseguir atención presencial e as dificultades que atopan
Infogauda / Compostela
Pensionistas e xubiladas/os da CIG concentráronse esta mañá diante das oficinas do INSS das sete cidades galegas para denunciar a súa exclusión dixital. Nos distintos actos de protesta simularon, cunha representación, as dificultades que atopan para conseguir contactar co organismo e as colas que teñen que facer para poder arranxar trámites tan importantes como mesmo solicitar a pensión por xubilación.
As mobilizacións insírense na campaña que arrincou o mes pasado na que, xunto coas mobilizacións, están recollendo sinaturas para entregar na Valedora do Pobo en demanda de que se eliminen as barreiras de acceso a servizos públicos tan básicos como a sanidade ou ao propio INNS, para tramitar todo o relativo as súas pensións. Sinaturas que, aproveitando as mobilizacións, tamén recolleron onte.
Fenda dixital
O colectivo denunciou que se ten estabelecido unha cada día maior fenda dixital que “está levando a algúns colectivos e, nomeadamente, ao colectivo de persoas maiores, a unha nova situación de desigualdade e vulnerabilidade que pode provocar, mesmo, a súa exclusión social”.
Nese sentido denunciaron que realizar trámites de xeito electrónico na relación coa Administración Pública, en numerosos sectores, é xa obrigatorio e que non hai posibilidade de facelos de xeito presencial, en moitos casos. Manifestaron ademais o seu rexeitamento á imposición da teleasistencia na sanidade ou nos servizos á dependencia, sobre todo, para acceder a unha cita médica ou simplemente preguntar unha información. “Moitas veces é imposíbel facelo falando cunha persoa real, obrigándonos a facelo a través de robots e contestadores automáticos”.
Do mesmo xeito, rexeitaron a restrición do acceso físico a moitas oficinas e centros -tanto da administración como sanitarios, ou privados mais de uso imprescindíbel como no caso das oficinas bancarias-. “Estase restrinxindo, cando non impedindo, o acceso de moitas persoas a servizos necesarios e imprescindíbeis para a vida”, subliñaron.
Por iso, o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG denunciou estas novas barreiras no acceso a servizos tan básicos como a sanidade ou a tramitación das nosas pensións, que supoñen, en moitos casos, a exclusión dixital dunha vida digna para moitas galegas e galegos.
Servizos co acceso restrinxido por mor da dixitalización
Así foron citando os distintos servizos restrinxidos por mor da dixitalización, como as oficinas da Seguridade Social onde se eliminou a posibilidade de acceder libremente a unha oficina para calquera tipo de trámite. “Ou o fas de xeito telemático, ou pides unha cita previa que, nos mellores dos casos, pode tardar máis de 15 días. Iso cando a consegues, porque son moitas as persoas que, malia intentalo unha e outra vez, non conseguen cita na súa oficina. De aí que teñan que recorrer a pedila nunha oficina doutra localidade, co que, ademais dos problemas xa comentados, engádese a obriga de desprazamento”, explicaron.
Xunto a isto denunciaron o colapso que padecen as oficinas da Seguridade Social, que atribuíron, entre outros motivos, á escaseza de persoal. Un problema que, alertaron, que desde o goberno pretenden arranxar limitando o tempo de atención, é dicir, aumentando a restrición no acceso. “Hai que ter en conta que é nesas oficinas onde precisamente se tramita todo o relacionado coas nosas pensións”, manifestaron.
Administracións galega, estatal e local
Esta problemática no acceso á Administración Pública non se está a dar só nas oficinas da Seguridade Social, senón que, como denunciaron, practicamente todas as administracións teñen restrinxido a atención presencial. Con todo, sinalaron que aínda que a Xunta vén de anunciar a retirada do requisito de cita previa, “se isto non vai acompañado doutras medidas como incremento de persoal, a posibilidade dunha atención presencial de calidade vese diminuída”.
O colectivo de pensionistas e xubiladas/os manifestou especial preocupación co desmantelamento e privatización programados polo PP para a Sanidade Pública, que ten provocado unha diminución da calidade da atención desde hai uns anos e mesmo a introdución das consultas por videochamada, “como se unha exploración médica se puidese facer a través dunha pantalla”, denunciaron.
Atención bancaria
A situación repítese, como veñen denunciando desde hai tempo, nas entidades financeiras nas que, como pensionistas, están na obriga de ter conta bancaria para poder cobrar as súas pensións. Por iso denunciaron que acceder a día de hoxe a realizar algún trámite bancario supón “armarse de paciencia, perder un montón de tempo pelexando coas máquinas e, se non hai sorte, igual até acabar contratando unha xestoría”.
Por iso concluíron que non van consentir “que nos deixen fóra” e proclamaron que “somos maiores, mais temos dereitos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario