30 de mar. de 2023

A GUARDA

Maica Larriba anuncia que o Goberno investirá un millón de euros na Guarda para potenciar o turismo sostible e pór en valor o seu patrimonio ambiental e histórico     

 A subdelegada do Goberno anuncia esta inversión aprobada polo Ministerio de Industria e que forman parte do Plan de Recuperación 

 A subdelegada do Goberno reuniuse co alcalde da localidade para abordar este investimento, que permitirá recuperar a praia do Forte, desenvolver un itinerario peonil e ciclista no Tegra e dotar dun novo aparcamento ao parque, entre outras iniciativas 

 Ademais, a subdelegada adiantou que Costas investirá 150.000 euros para rehabilitar a senda litoral e recuperar a zona dunar do Codesal, gravemente afectada polos temporais  

 Maica Larriba reitera a vontade do Goberno de “fortalecer a oferta turística da provincia”


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, co alcalde de A Guarda e membros do Goberno municipal, no monte santa Trega
Fotos: S. de G.



Infogauda / A Guarda 

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou o compromiso do Goberno coa provincia e co desenvolvemento do turismo sostible no Concello de A Guarda. Alí reuniuse co seu alcalde, Antonio Lomba Baz, para abordar as diferentes actuacións derivadas da execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, que supón un investimento de 1 millóns de euros para promover diferentes accións encamiñadas a potenciar o turismo sostible e por en valor o patrimonio ambiental e histórico desta vila.

 Este Plan, financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, que persegue impulsar o turismo verde e gastronómico na cidade, promovendo a algunhas citas gastronómicas xa existentes na localidade e que xa son un referente nacional, como a festa da Lagosta ou a do Peixe Espada. 

 Entre as actuacións planificadas polo Concello para promover o turismo verde e sostible destácase a creación dunha senda peonil e ciclista ao redor do monte Santa Trega, a creación dunha nova zona de aparcamento ao carón do parque e a implementación dun novo sistema de acceso e transporte verde, que permita desconxestionar os arrabaldes do ben turístico.

 Amais, o Plan busca dinamizar o río Miño e contempla a creación dunha zona de actividade náutica na Pasaxe. As ferramentas de realidade aumentada, xunto as melloras na sinalización nos principais puntos de interese turístico, permitirán pór en valor os recursos patrimoniais da localidade. Así mesmo, a aposta pola dixitalización apuntalarase coa organización de feiras virtuais, viaxes en familia e blogues de viaxes, e co desenvolvemento dun plan de formación para o sector turístico. A estratexia deseñada recolle tamén a creación dun observatorio turístico, así como a constitución dun ente xestor con profesionais cualificados neste ámbito. 

 Para Maica Larriba, “este Plan permitirá actualizar e apuntalar un destino sinalado e de referencia para Galicia e para o conxunto da provincia, como é A Guarda, contribuíndo a deseñar unha oferta atractiva e sustentable para o turismo da cidade e, en definitiva, de Pontevedra”.  

150.000 euros para arranxar os danos causados polo temporal no Codesal 

 Xunto a este Plan, Maica Larriba anunciou que o Ministerio de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, a través de Costas do Estado, tamén vai subvencionar con 150.000 euros a restauración ambiental da contorna do Codesal, gravemente afectada polos temporais do inverno. A subdelegada, que visitou a zona xunto ao alcalde e concelleiros do Goberno municipal, informou de que a intervención prevé retranquear a senda litoral e recuperar a zona dunar existente neste enclave, co obxectivo de restablecer a mobilidade no lugar e contribuír a protección do areal. 

 Así pois, destacou a subdelegada, “o Goberno de España inxectará máis dun millón de euros na Guarda para promover o turismo sostible e o conservar seu patrimonio e que dan fe do compromiso que o Goberno mantén con Pontevedra e co conxunto de Galicia”. 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba visitou a contorna do Codesal, acompañada polo alcalde Antonio Lomba e membros do Equipo de goberno local

 Na súa intervención, Maica Larriba reiterou o compromiso do Executivo coa modernización e transformación do turismo en Galicia e, en particular, na provincia de Pontevedra. Neste sentido, Larriba destacou que “desde o Goberno temos a certeza de que o potencial turístico de Pontevedra non ten límite e estamos en disposición de aproveitalo con inversións para fomentar un turismo de calidade e sustentable”. Así mesmo, a subdelegada tamén felicitou o alcalde polo traballo que están a realizar neste sentido. 

 Pola súa banda, Antón Lomba agradeceu a visita da subdelegada, e destacou “a importante inversión estatal, necesaria para relanzar o turismo na localidade, e en concreto, nun dos puntos turísticos máis importantes de Galicia, como é o Trega”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario