A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso vén de celebrar o seu 40 aniversario
• O pasado sábado 28 de xaneiro
Comuneiros fundadores que foron homenaxeados pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso
Senio / Viladesuso
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Viladesuso (Oia), vén de conmemorar o seu 40 aniversario. Unha oportunidade magnífica para lembrar que "o 28 de xaneiro de 1983, e tras varios anos de loita e reclamacións, o Xurado Provincial de Montes Veciñais de Pontevedra ditou resolución a favor da veciñanza de Viladesuso, rematando así, o proceso de clasificación do monte veciñal de Viladesuso, devolvendo definitivamente o monte os seus lexítimos propietarios".
Previamente aos actos de conmemoración, o xoves 26 de xaneiro, na igrexa de Viladesuso, celebrouse unha misa en memoria daqueles comuneiros defuntos que participaron activamente na xestión e coidado do monte veciñal.
Asemade, no acto do pasado sábado 28, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso agradeceu cun sentido homenaxe a aqueles comuneiros responsables da xunta xestora e da primeira xunta directiva, que grazas ao seu esforzo recuperaron e coidaron o noso monte veciñal.
O acto conmemorativo iniciouse cunha charla a cargo de Lara Barros Alfaro, historiadora e investigadora sobre montes veciñais, que na súa intervención centrouse no ámbito da Serra da Groba, ao tempo que contextualizou e fixo unha aproximación aos diferentes conflitos e ameazas que recibiron as comunidades rurais e os montes veciñais ao longo do tempo. De seguido proxectouse o documental “O monte é noso” do director recentemente falecido Llorenç Soler, filmado no ano 1978 durante as mobilizacións para a recuperación de diferentes montes veciñais ó longo do pais.
Unha vez rematada a proxección, realizouse un acto de homenaxe coa entrega dunhas escultura exclusivas a aqueles comuneiros fundadores como agradecemento pola súa implicación.
Posteriormente rematouse o acto cuns petiscos para todos os asistentes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario