Entroido, cine, música e literatura enchen de lecer o Rosal en febreiro e marzo
• O Concello prepara unha axenda cultural con actividades para todos os públicos e apostando tamén polos barrios
Infogauda / O Rosal
O Concello ten preparada unha programación cultural cargada de actividades para encher O Rosal de vida e lecer durante os meses de febreiro e marzo. A axenda para os vindeiros dous meses, con catorce propostas para todos os públicos, “permítenos seguir dinamizando a cultura no noso municipio, levándoa tamén aos nosos barrios e apostando por unha ampla variedade coa que chegar a toda a veciñanza e de balde”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.
En febreiro o Entroido será o
gran protagonista. Tras o concerto da Banda do
Conservatorio Profesional de Palencia este sábado 4 (19.30 h) no
auditorio municipal, chega a Festa do Entroido en Fornelos
e en Novás do 18 ao 21 de febreiro da man das respectivas
comisións de festas. O domingo 19 as
rúas rosaleiras encheranse de cor, música e diversión co tradicional desfile de Entroido a
partir das 11.00 horas polas rúas do Calvario.
O final de febreiro estará
cargado de novas actividades. O xoves 23 haberá
unha nova sesión dos Cafés en Igualdade. A
partir das 17.30 horas as persoas participantes poderán afondar con Angelina
Gándara na maternidade na Cafetería Nenza Xida. O sábado 25
(18.30), organizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Comun de
Tabagón, chega ao Centro Social de Tabagón a película
‘Santoalla’, que narra os feitos que
inspiraron a película ‘As Bestas’. O domingo
26 o auditorio municipal acollerá ás 19.00 horas a Gala do Día de Rosalía,
coa actuación de Lara Villaverde.
Marzo arrancará con máis cine. Organizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Comun do Rosal, o venres 3 presentarase no auditorio municipal o documental ‘A auga que trouxeron’, de Trespés Producións. Haberá unha proxección para o alumnado do CPI Suárez Marquier ás 12.00 h e outra para o público xeral ás 20.00 h. Con entrada libre ata completar aforo.
O sábado 4 A
Comisión de Festas organiza en Pías o Torneo da
Cachiza ás 16.00 horas e os días 11 e 12 a Feira de
San Gregorio. O sábado 18 o
auditorio municipal acollerá a partir das 20.30 horas o concerto ‘Noé, Noemi e Noemilia. Sete animais e a súa
familia’, con Belén Otxotorena e a
Banda da Agrupación Musical do Rosal.
O mes de marzo rematará coa Festa de San Xosé de Novás o domingo 19 organizada pola comisión de festas e coa audición do alumnado da escola de música da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal o sábado 25 ás 19.30 h. Os Cafés en Igualdade chegarán o 30 de marzo á Liga de Amigos para falar ás 17.30 horas sobre feminismo con Sara Uris.

Ningún comentario:
Publicar un comentario