31 de xan. de 2023

GALIZA

A CIG convoca asembleas de delegados/as e mobilizacións, o 1 de febreiro, contra a reforma das pensións  

 Non descarta intensificalas de se confirmar a ampliación do período de cálculo aos 30 anos     

Infogauda / Compostela

 A CIG ten convocadas asembleas de delegadas/os e mobilizacións en todas as comarcas, para o vindeiro día 1 de febreiro, contra a reforma das pensións que proxecta o Goberno. A convocatoria insírese na campaña lanzada no mes de decembro pola central sindical sob o lema “Dez mentiras sobre as pensións”. O sindicato nacionalista non descarta adoptar todas as medidas necesarias e intensificar a mobilización para evitar que esta ameaza sexa unha realidade. Nas mobilizacións participará ademais o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG.  

CONVOCATORIAS 

(O secretario xeral, Paulo Carril, participará na concentración prevista en Ferrol)  

Ferrol: 11.30h, diante do INSS  

Compostela:  12:00h, Praza de Galiza  

Ribeira: 12:00h, Praza do Centenario  

A Coruña: 12:00h, Delegación do Goberno (Praza de Ourense)  

Lugo: 12:30h, Subdelegación do Goberno  

Ourense: 11:00h, Subdelegación do Goberno  

Vigo: 12:00h, Rúa Vázquez Varela (Igrexa dos Capuchinos)  

Pontevedra:  11:45h, Edificio Sindical  

Vilagarcía: 11:45h, Praza da II República  (Auditorio)  

Lalín: 12:00h, Praza da Torre, diante do monumento a Loriga     

 Parello a isto, iniciouse tamén a recollida, nas empresas, de manifestos contra calquera reforma no sistema público de pensións que impoña aumentar os anos para o cálculo da pensión. As pensións públicas levan anos sendo obxecto de duros ataques, mais a reforma que se proxecta agora, coa que se pretende ampliar a 30 anos o período de cálculo suporía un novo recorte das pensións de entre un 6 e un 8%.  

 Para a CIG, aprobar esta reforma significaría aumentar a caída progresiva das pensións, que xa suma un 25% desde a última que se impuxo en 2011, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e o aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos.  

 A CIG denuncia que estas reformas, xunto as anteriores, que retrasan a idade de xubilación e manteñen a xubilación parcial nunhas condicións discriminatorias e de difícil acceso son un atranco para a xeración de emprego. Nese sentido considera que aprobar máis reformas que endurecen as condicións para a xubilación obrigan a prolongar a vida laboral e contribúen a unha maior emigración e máis paro xuvenil. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario