20 de dec. de 2022

VIGO

O comité de Vitrasa acusa a dirección de non querer negociar o convenio mentres non acepte unha baixada de salarios 

Persoal da concesionaria do transporte interurbano mobilizouse hoxe no Concello de Vigo para reclamar unhas condicións dignas 


Mobilización de persoal da empresa concesionaria do servizo de transporte interurbano do Concello de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte interurbano do Concello de Vigo, acusou hoxe á dirección de negarse a negociar un novo convenio colectivo até que o cadro de persoal non acepte unha baixada de soldos, unha vez que o xulgado botou abaixo a súa intención de inaplicar o actual convenio en materia salarial. Neste contexto, traballadores/as da compañía do grupo Avanza mobilizáronse hoxe diante do consistorio para reclamar unhas condicións de traballo dignas. 

 <<La empresa se reitera en que no existe ninguna materia que negociar en tanto no se reequilibre la situación económica o se acceda a negociar una bajada de salarios en los términos expuestos>>. Con esta cita textual dunha xuntanza entre Vitrasa e a representación dos traballadores/as o presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG, desmentiu as declaracións feitas pola dirección nos últimos días nas que aseguraba estar a traballar na negociación. “A única pretensión da compañía é manter as súas contas a costa de reducir os soldos dos seus empregados/as, como así o demostra o intento fallido de inaplicación do convenio”. 

 Arnoso aproveitou a protesta de hoxe, que se prolongou de 10:00 a 11:00 horas, para atender os medios de comunicación e saír ao paso tamén das acusacións de Vitrasa ao seu persoal, ao que responsabiliza de querer prexudicar a cidadanía coa convocatoria dos paros parciais que está a desenvolver en defensa dos seus dereitos laborais. “Resulta canto menos curioso que veña agora con este conto, cando levan dous anos recortando liñas buscando unicamente unha maior rendibilidade económica, deixando a boa parte da poboación viguesa cun servizo de transporte pésimo”, censurou. 

 No que ten que ver coa situación económica, Arnoso explicou que o propio comité entendeu dende o primeiro momento que se trata dun contexto “complicado”, e que precisamente por iso “propuxemos darlle solución aos puntos do convenio que regulan a calidade do noso traballo, deixando a cuestión salarial para cando a situación económica fose máis favorábel”. Por iso lamenta que aínda así Vitrasa se negase a chegar a ningún tipo de acordo, “xa que a súa única pretensión foi unha negociación que implicase reducións de salarios”. 

 Preguntouse tamén “como quere Vitrasa que nos interese a súa supervivencia como empresa, cando leva máis de 50 anos operando en Vigo cuns resultados económicos magníficos e nunca se lembrou do seu persoal; pero agora que chegan as vacas fracas o único que lle preocupa é seguir mantendo as súas contas recortando salarios; como pretenden que queiramos que unha compañía así siga adiante?”. 

 Finalmente, cargou contra os responsábeis locais, personificando na figura do alcalde, a quen acusou de desentenderse do conflito a pesar de que se trata dunha concesión dun servizo municipal e de estar máis preocupado “polo espectáculo das luces” que polos problemas que padece a veciñanza de Vigo. “A ver se cando remate o Nadal ten un momento para atendernos”, ironizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario