1 de dec. de 2022

ECONOMÍA

Planas destaca o “exemplo de sustentabilidade e innovación” que representa Orpagu na inauguración da súa planta frigorífica   

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e os alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro, e da Guarda, Antonio Lomba, coincidiron durante o acto de inauguración da nave frigorífica e de I+D en subliñar o liderado da organización no sector do palangre de superficie. 

Joaquín Cadilla, presidente dos palangreiros guardeses, realizou un emocionado discurso no que agradeceu a todos os membros da organización a súa achega e traballo “para facer realidade este soño” e pediu ao ministro que traslade “esa confianza que demostrou neste proxecto aos responsables europeos que tanto erosionan a nosa enerxía con posicións políticas incoherentes coa ciencia”. 

Orpagu convértese desde hoxe na única organización pesqueira que pecha o círculo das súas capturas: extracción, recepción, clasificación, almacenado e distribución.  


Autoridades na entrada da nova planta 
O ministro de Pesca saúda ao presidente de Orpagu
 O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, o presidente de Orpagu e os alcaldes da Guarda e Tui



Mar Bermúdez / A Guarda

 “Orpagu é unha mostra do éxito que se pode lograr a través das organizacións de produtores pesqueiros porque é un exemplo de sustentabilidade, valor engadido e innovación”. Así definiu o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, á Organización de Palangreiros Guardeses no acto de inauguración da súa planta frigorífica de máis de 5.000 metros cadrados, situada no parque empresarial Areas, de Tui. 

 As instalacións inauguradas este mediodía, que darán emprego a 45 persoas nos momentos de maior actividade, requiriron dun investimento de máis de oito millóns de euros, dos que, segundo detallou o propio ministro na súa intervención, 7,2 correspóndense con axudas públicas: 5,4 do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e 1,8 do propio Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.  Subliñou tamén toda a innovación que encerra a planta e lembrou o Premio Alimentos de España que entregou persoalmente ao presidente de Orpagu en 2020: “O acto de hoxe demostra que, naquel momento, non nos equivocamos”. 

 Pero Planas non foi o único en destacar como exemplar o labor que desenvolve a organización pesqueira, “tanto na mar como en terra”. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o de Tui, Enrique Cabaleiro, aseguraron que a planta “marcará un antes e un despois para Orpagu, pero tamén para a pesca en Galicia” e sinalaron tamén a implicación da asociación cos seus veciños, “apoiando iniciativas deportivas, sociais e culturais que demostran o seu arraigamento”.  


Un momento da inauguración

 

 Pola súa banda, o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla, realizou un emocionante discurso no que quixo lembrar a “todos e cada un dos departamentos e socios que conforman Orpagu e que nos levaron ao lugar onde estamos hoxe. Porque, co seu esforzo, puidemos facer realidade este marabilloso soño”. 

 Cadilla fixo referencia a “as grandes dificultades que nos agardan alén da efémera burbulla que é este marabilloso acto de inauguración” e solicitou ao ministro a súa mediación para “trasladar esa confianza que demostrou en nós aos responsables europeos que tanto erosionan a nosa enerxía con posicións políticas incoherentes coa ciencia”. Por último, e en galego, tivo un recordo moi especial para as familias do mar: “Hoxe é un día para agradecer aos nosos pais e ás nosas nais toda a confianza que depositaron en nós cando houbo que mudar a gamela polo conxelador e a agulla de atar as redes polas follas de cálculo". 

 Previamente, a directora xerente da asociación, Juana Parada, explicou o proceso de creación da planta e a necesidade que tiña a organización de dar este paso “para seguir avanzando cara ao futuro”. Parada abriu coa súa intervención o acto inaugural ao que tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, a subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, a secretaria xeral de Pesca do MAPA e o director xeral de Pesca da Consellería do Mar. 

A planta frigorífica e de I+D, o paso necesario  

 Vinte e seis anos despois da súa constitución, a Organización de Palangreiros Guardeses inaugurou a súa moderna planta frigorífica e de I+D no Polígono Industrial Areas, en Tui. Desta forma, os palangreiros guardeses, líderes europeos en palangre de superficie, convértense na primeira organización do sector en pechar o círculo das súas capturas: desde a extracción, pasando pola recepción, o clasificado e o almacenamento, ata a distribución das especies que capturan os seus 79 barcos -40 españois e 39 portugueses- en augas do Atlántico Norte e Sur e nos océanos Pacífico e Índico.  


Visita ás instalacións da planta

 A nova planta de frío e innovación de Orpagu aséntase nunha parcela de 7.000 metros cadrados e o seu interior, con capacidade de almacenamento para 3.000 toneladas, conta cun sistema de descarga e clasificación de peixe deseñado ad hoc para a organización polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia en colaboración coa empresa Josmar. Desde o primeiro momento, expúxose unha nave intelixente que permitise minimizar a pegada de carbono, ser un modelo de eficiencia enerxética e cuxo sistema harmonizase todos os postos de traballo que require a manipulación das especies que captura a frota de Orpagu, con exemplares que pesan máis de 100 quilos.  

 A operatividade do sistema permitirá, así mesmo, innovar en procesos como o de despezamento do peixe, apostando polo ‘ronqueo’, un sistema que en España só se utilizaba ata a data para o despezamento do atún vermello, baseado nunha tradición milenaria que permite o aproveitamento de absolutamente toda a peza de peixe. 

 Por outra banda, a sala de I+D facilitará seguir traballando en novas elaboracións, que sigan a liña dos produtos polos que aposta a organización: formatos atractivos, pratos fáciles de preparar e produto de gran calidade. Na mesma liña que as Delicias de Anzol que triunfan no mercado internacional, que agora mesmo xa supón máis do 40% das vendas en países como Estados Unidos, Dinamarca, Reino Unido, Suíza, Holanda, Portugal e Alemaña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario