10 de dec. de 2022

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

CAMPOSANCOS: ONDE HABITA O NADAL

Un lugar para visitar cos amigos e a familia


Casa da Entidade Local Menor de Camposancos, na praza de San Amaro
Fotos: Santiago Baz Lomba



Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Hai moitos xeitos de celebralo. Tantos como culturas e pobos hai no mundo. Máis o Nadal ten en Camposancos, unha das expresións máis heterodoxas e ao mesmo tempo máis populares da nosa contorna. Sen renunciar a representación máis tradicional do misterio do Nacemento, e botando man dunha creatividade sen límites materiais - incluíndo a reciclaxe e a reutilización -, a veciñanza de Camposancos vén levando a bo termo unha moitedume de variantes na representación belenística que ofrece a propios e visitantes. E non soio no que respecta ao portal de Belen, senón na variada decoración - de diversas inspiracións - propia destas datas de nadal, que agromou nas semanas precedentes, xerando unha catarse que motiva a coñecer de preto todo o rueiro camposino. Dese xeito, os camiñantes van atoparse coas fermosas imaxes dun pobo e dunhas persoas - cunha peculiar e positiva idiosincrasia - que coidan con agarimo a decoración exterior e interior dos seus respectivos fogares e predios, e tamén das súas sedes (Entidade Local Menor, Sociedade Os Amigos, Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, Club de Petanca O Caldeiro,...) que lles dan a importancia que ten como pobo e parroquia de seu, e por suposto, tamén nos espazos comunitarios (barrios, camiños, fontes, lavadoiros, prazas, rúas,...). En todos eles, os visitantes van a percatarse que se hai un lugar onde habita o Nadal, ese territorio chámase Camposancos.

 Lograr que a maxia do nadal agromase dese xeito tan brillante é un éxito colectivo e compartido, ainda que xusto é decilo, que desde a Entidade Local Menor de Camposancos, vénse alentando á cidadanía a realizar un labor de ornato, que ten nese lugar tan privilexiado da nosa xeografía galaica, súa máxima expresión colaborativa e de ledicia identitaria.

 Por iso, do mesmo xeito que na época estival, súas praias fluviais e marítimas son gozadas por persoas de moi diversas procedencias, o Nadal camposino ben merece unha visita cos nosos amigos e familiares. A experiencia, totalmente de balde, vai ser moi gratificante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario