Diego Calvo avoga por traballar en proxectos conxuntos entre Galicia e o Norte de Portugal para as convocatorias do novo POCTEP
• O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia participou hoxe na presentación das novidades do Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal para o período 2021-2027, o maior programa de cooperación transfronteiriza da Unión Europea
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, instou hoxe aos distintos departamentos do Goberno galego a traballar en proxectos conxuntos con socios portugueses no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para poder presentalos xa ás primeiras convocatorias do novo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que se prevé que empecen a publicarse a finais deste ano.
Cómpre lembrar que a Comisión Europea aprobou o pasado agosto a nova convocatoria do POCTEP, que terá unha dotación superior aos 427 millóns de euros, un 11 % máis que o actual, converténdose no maior programa de cooperación transfronteiriza da Unión Europea.
O obxectivo é conseguir unha Europa máis intelixente, máis verde, máis social e máis próxima á cidadanía. Nestes marcos de acción, as prioridades son a consolidación dun sistema de innovación científica e tecnolóxica, o aproveitamento dos recursos endóxenos do territorio, a transición ecolóxica e a adaptación ao cambio climático. Xunto a estas, apóstase tamén de xeito prioritario pola protección da biodiversidade, a cooperación para afrontar o reto demográfico, o desenvolvemento de estratexias multisectoriais, e a mellora da gobernanza multinivel.
Diego Calvo puxo en valor o traballo que xa se ten adiantado con dous importantes documentos de planificación da prioridade dos investimentos do POCTEP, isto é, o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 21-27 (PIC), e a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3T).
De feito, o PIC 2014-2020, serviu para avaliar os proxectos que se presentaron ao anterior POCTEP e foi un documento pioneiro converténdose a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na primeira da Unión Europea en planificar de forma coordinada os seus investimentos.
85 proxectos e 163 M€ captados no período anterior
O Programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza é un instrumento de financiamento a prol do desenvolvemento rexional mediante a cooperación entre rexións europeas. Nesta liña de acción, no anterior POCTEP a Xunta participou no impulso de 85 proxectos que permitiron captar 163 M€ de investimento na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a máis beneficiada de toda a fronteira hispano-lusa. En concreto, 42 M€ no eixo de fomento da innovación, 71 M€ destinados a proxectos de conservación do medio ambiente que apostan por unha Eurorrexión máis verde, 21 M€ ao impulso da cooperación xurídica e administrativa e 29 M€ cos que potenciar a competitividade empresarial.
Das 85 iniciativas levadas a cabo destacan, en materia de innovación, proxectos como Manufactur 4.0 orientado a implantar a industria 4.0 no sector naval, ou Iberos ou Nutriage, que recorren ás novas tecnoloxías para melloras no ámbito do envellecemento activo e a alimentación.
No eido das emerxencias desde hai anos ofrécese unha resposta conxunta na xestión e coordinación das incidencias a ambos lados da raia a través do ARIEM+ ou na defensa dos incendios forestais na fronteira co proxecto Interlumes, mellorando a resposta na extinción de lumes coa creación da primeira base de avións fronteiriza.
No que se refire á colaboración entre institucións de Galicia e o Norte de Portugal, o vicepresidente segundo destacou o traballo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión; mentres que en asuntos de competitividade empresarial, ademais de realizar o seguimento da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3T), materializáronse ideas dirixidas a fomentar o emprego, a economía social ou a internacionalización das pequenas e medianas empresas.
Diego Calvo anunciou ademais que o 16 e o 17 de novembro realizarase o seminario de lanzamento do POCTEP 21-22 na localidade de Ayamonte (Huelva).
Ningún comentario:
Publicar un comentario