Moción en rexeitamento do veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea
Presentada polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia
Infogauda / Oia
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Concello de Oia vén de presentar unha moción ante o pleno en relación "o Regulamento 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común, no que se recolle a posibilidade de prohibir a pesca en determinados lugares, especialmente sensibles, de augas profundas, o que consideramos un grave prexuízo para a flota pesqueira galega."
Na parte expositiva da moción, os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE relembran:
"No ano 2016 aprobouse en Europa o Regulamento 2016/2336 del Parlamento Europeo e do Consello, de 14 de decembro de ese ano, específico de augas profundas que sinala que, a máis tardar o 13 de xaneiro de 2018, a Comisión Europea adoptará os actos de execución con obxecto de establecer unha lista de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou que sexa probable que existan entre os 400 e 800 metros de profundidade sobre a base da mellor información científica e técnica dispoñible, tendo presentes tamén as avaliacións e identificacións levadas a cabo polos Estados membros e o organismo científico consultivo. Deste xeito prohibirase a pesca con artes de fondo en todas as zonas incluídas na lista que será revisada cada ano.
A Comisión Europea non deu cumprimento ao contemplado no citado Regulamento de 2016, mais recentemente coincidindo coa Conferencia dos Océanos en Lisboa, celebrada entre os días 26 de xuño e 1 de xullo do presente ano, o comisario de pesca europea fixo público que o organismo comunitario estaba a examinar se continuaba coa adopción dun regulamento para prohibir a pesca de fondo en zonas vulnerables, que afectaría a 94 áreas de augas comunitarias do Atlántico Nororiental. Decisión adoptada xusto despois de que no debate no Comité de Pesca, no que se tiña que dar o visto e prace a tal decisión non se acadara a maioría necesaria para sacar esta votación adiante. España, xunto con Irlanda, votaron en contra desta prohibición.
O 15 de setembro a Comisión Europea adoptou a decisión de pechar á pesca de fondo 87 zonas ao longo da plataforma continental mariña comunitaria que foi publicada o 19 de setembro no Diario Oficial da Unión Europea (UE) a través do regulamento que entrará en vigor nun prazo de 20 días.
Este veto sumamente prexudicial para os intereses da frota galega, nomeadamente das persoas que traballan na zona de litoral e Gran Sol, levouse a cabo sen o diálogo necesario, a pesar de ser un tema de vital transcendencia. Por parte dos órganos comunitarios non se lles consultou aos estados membros dunha forma seria, así como tampouco se tivo en conta ao sector pesqueiro. A esta falta de diálogo preocupante súmaselle ademais que se pretende executar este veto sen achegar os suficientes argumentos científicos e técnicos que o avalen e sen un verdadeiro estudo socieconómico que analice o impacto desta prohibición no propio sector.
Novamente, España, xunto a Irlanda e Francia conseguiron incluír na orde do día do Consello de Ministros de Pesca da UE do día 26 de setembro o tema do veto da CE á pesca de fondo, para novamente amosar o seu rexeitamento a tal medida.
O informe do ICES non é actual nin cubre o conxunto de decisións que en base a este regulamento de execución está a adoptar a Comisión Europea e inclúe modalidades como o palangre de fondo, que non estaban consideradas, así como medidas en augas que non chegan aos 400 metros de profundidade."
Asemade, na parte dispositiva da moción indícase: "Deste xeito o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, solicita do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Oia amosar o seu total apoio ao sector pesqueiro galego ante un novo ataque das institución comunitarias co veto da Comisión Europea á pesca de fondo, rexeitando rotundamente esta medida de veto á pesca de fondo, así como demandar da Xunta de Galicia que apoie as medidas e accións solicitadas polo Goberno do Estado á Comisión Europea para que se suspenda a aplicación do regulamento de execución que veta á pesca de fondo [en] 87 zonas do Atlántico Nororiental; se proceda a súa revisión inmediata cos datos científicos actualizados, que xa están dispoñibles, e que xa están no poder da Comisión Europea e demandar da Xunta de Galicia que presente un recurso ante a xustiza europea contra o regulamento da Comisión Europea que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas sensibles, tal e como anunciou publicamente, e, en liña co que presente o Estado e o propio sector."
Ningún comentario:
Publicar un comentario