EuRural arranca o proceso participativo para elaborar a súa estratexia de desenvolvemento local para o período 2023-2027
Os días 19 e 20 celebrará dúas sesións de traballo abertas a todo o público para debater sobre as necesidades e retos do territorio
Infogauda / Mos
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste
Eu Rural continúa dando pasos na elaboración da súa Estratexia de
desenvolvemento local para o período 2023-2027. Esta semana pon en marcha un
novo proceso participativo para seguir a desenvolver esta estratexia que,
enmarcada no Plan estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, pretende
converterse na folla de ruta a seguir en cuestións como promoción do emprego,
crecemento económico, inclusión social e desenvolvemento local nas zonas rurais
comprendidas nos 13 concellos do territorio de EuRural.
Serán dúas sesións de traballo que se celebrarán
na sede de EuRural en Mos e que estarán abertas á participación activa de
todos os grupos de interese, tanto do eido público como do privado, de tal
forma que teñan voz na identificación de problemáticas, necesidades e retos de
futuro do territorio, así como no deseño da planificación estratéxica.
A primeira sesión terá lugar este mércores 19 de
outubro de 19.00 a 21.00 horas e, a través de dinámicas de grupo, centrarase o
debate nos eidos de acción social, da muller e do asociacionismo veciñal,
cultural, deportivo e xuvenil. Por outro lado, o xoves 20 no mesmo horario terá
lugar a segunda sesión, na que se abordará os sectores agrogandeiros,
institucional, dos montes e medio ambiente e do desenvolvemento económico.
O obxectivos destes grupos de traballo é artellar
un proceso dinámico, transversal e multisectorial que dea continuidade ao labor
realizado nos dous períodos anteriores de programación, o 2007-2013 e o
2014-2020, facendo especial énfase no enfoque participativo en todas as fases
do proceso de elaboración.
As persoas ou entidades interesadas en participar
poden confirmar a súa dispoñibilidade a través do correo electrónico estratexiaeurural2327@gmail.com ou no teléfono 635 814 728.
Ningún comentario:
Publicar un comentario