Empresas de toda a provincia crean sinerxías no II Workshop do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
Arredor de 40 empresas de diferentes sectores participaron en Redondela nun encontro que buscaba facilitar o contacto e fomentar a creación de novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino
Infogauda / Redondela
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue a dar
pasos para potenciar produtos turísticos diferenciados e de calidade en todo o
seu territorio. Con este motivo, este martes reuniu no Pazo de Petán de
Redondela a arredor de 40 empresas turísticas e doutros sectores dos 14
concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos,
Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño
e Tui) para facilitar unha primeira toma de contacto entre entidades e
favorecer a creación de sinerxías de presente e de futuro que dean lugar a
novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino.
“Para o Xeodestino a palabra clave é a
cooperación, e sabemos que en turismo debemos ir da man e colaborar para ser
máis eficientes e efectivos nas nosas promocións, aproveitando as nosas
fortalezas e minimizando as debilidades. E sabemos, porque xa o temos
comprobado, que xuntas e xuntos somos máis fortes”, deixaba plasmado no seu
discurso Juan Antonio González, representante institucional do Xeodestino Ría de
Vigo e Baixo Miño e alcalde de Nigrán.
González quixo recalcar que “queremos que o Xeodestino axude a por en marcha iniciativas de calidade, innovadoras, seguras e sostibles, que incidan no compoñente experimental para achegar un plus de valor ás persoas que nos visitan. E para acadar este fin temos que por na man das empresas as ferramentas necesarias que lles permitan crear e comercializar produtos e servizos baseados nos nosos recursos, como poden ser actividades como o workshop que estamos a desenvolver”.
Un aspecto que tamén quixo salientar a alcaldesa
de Redondela, Digna Rivas, que salientou a importancia que ten o Camiño de
Santiago para o sector turístico no concello que gabou a realización “destes
encontros entre entidades de diferentes sectores que son un xeito de poder
coñecervos entre vós e de dar máis pulo ás vosas empresas. Estou convencida de
que será un éxito tan grande como a primeira edición celebrada hai un ano en
Tui”.
Pola súa banda, Felipe Ferrero, xefe da área
provincial de Pontevedra de Turismo de Galicia, destacou o papel que xoga o
Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño no desenvolvemento de este tipo de
encontros “para que o territorio teña unha presenza propio con todo o que as e
os visitantes precisan e demandan”. “Estas reunións son vitais non solo no eido
turístico, senón tamén en todos os sectores, porque creando redes podemos facer
que as persoas que nos visitan marchen coa sensación de ter vivido unhas boas
vacacións e recibido un bo servizo”, asegurou.
Tras a recepción institucional, na que tamén
participaron concelleiras e concelleiros dos municipios que integran o
Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, as empresas presentes puideron coñecer
dous casos de éxito do que se pode facer en materia turística no eido rural.
Así, Marta e Roberto, do restaurante O Balado, en Boqueixón, contaron como
pasaron de traballar xuntos nunha cadea de hoteis en Vigo a crear o que sería
un dos primeiros restaurantes cunha Estrela Verde Michelín de España. Da súa boca
os e as participantes escoitaron como ás veces menos é máis, xa que pasaron de
medrar pouco a pouco e chegar a ter cinco restaurantes, unha empresa de
cátering e 40 traballadores a decidir plantarse e crear un proxecto diferente
no que a integración coa contorna, a sustentabilidade, a calidade e o trato
humano é fundamental. Agora, con catro mesas para as que se necesita reservar
con tres meses de antelación nas fins de semana, aseguran que o boca a boca e a
propia clientela son algúns dos puntos claves do seu éxito.
Tamén falou da súa experiencia Marta, mariscadora
e amante do piragüismo que un día animada e apoiada por un amigo cunha empresa
de turismo activo decidiu montar na súa Illa de Arousa natal Piragüilla, unha
empresa de actividades e deportes de aventura na natureza. “Cando comezamos hai
17 anos non había nada similar na zona, agora si, pero nós seguimos apostando polo
valor que aportamos como persoas e que nos fixo crecer grazas ao boca a boca. A
día de hoxe somos un equipo que racha con estereotipos, xa que a maioría somos
mulleres, e que crecemos cos pés na terra porque non queremos morrer de éxito”,
salientou.
Tras as presentacións leváronse a cabo unha serie de reunións rápidas coas que establecer os primeiros contactos comerciais con outras empresas ou operadores turístico, favorecendo o maior número de encontros posibles dentro dun evento dinámico e áxil co que fomentar colaboracións. Para rematar deuse paso a un coctail degustación amenizado por unha actuación musical no que todas as empresas puideron seguir mantendo contactos e intercambiando impresións co resto de participantes nun clima distendido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario