29 de xuño de 2022

VIGO

A subdelegada visitou a sede de ACCEM en Vigo, onde se reuniu cun grupo de vítimas de trata 

Maica Larriba coñece de primeira man o labor que realiza Accem na asistencia a persoas refuxiadas e vítimas de trata e explotación sexual  

· Accem é unha das entidades financiadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para acoller ás persoas desprazadas de Ucraína  

· O Goberno xa tramitou 883 solicitudes de protección temporal a persoas refuxiadas de Ucraína na provincia 

· A ONG é tamén unha das 11 organizacións ue desenvolve programas en Galicia vinculados á loita contra a trata e a prostitución 

· A subdelegada subliñou que o compromiso do Goberno de España coas vítimas de trata é inequívoco 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá as instalacións de Accem en Vigo
Foto: S. de G.

Infogauda / Vigo

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá as instalacións de Accem en Vigo, ONG adicada a atención a persoas refuxiadas, migrantes ou en risco de exclusión social.  

 Accem é unha das tres entidades que desenvolven programas na provincia vinculados á loita contra a trata e a prostitución e que reciben fondos do Ministerio de Igualdade. Durante a súa visita, na que estivo acompañada polo coordinador provincial de Accem, Daniel Bóveda, a subdelegada do Goberno puido coñecer de primeira man o labor da organización destinado a atender ás mulleres vítimas de trata e violencias sexuais. Así mesmo, Maica Larriba coñeceu a unha das mulleres vítima de trata coas que traballa a organización e interesouse polo seu pasado e a súa situación actual.  

 A subdelegada reafirmou “unha vez máis, o apoio inequívoco deste Goberno ás mulleres vítimas de trata e explotación sexual,  ás que queremos facilitar todos os recursos posibles para que se sentan sempre protexidas e atendidas”. Maica Larriba destacou tamén a alta especialización dos equipos da organización que traballan neste eido, que poden contar co “apoio total e absoluto desta Subdelegación”.  

 Co obxectivo de concretar o compromiso do Executivo co traballo da organización, Maica Larriba escoitou as demandas dos traballadores e traballadoras, comprometéndose “a facer todo o posible por axilizar e solventar calquera eiva que exista na tramitación da Administración Xeral do Estado que dificulte o seu labor". 

883 ucraínos e ucraínas acollidos na provincia 

 A subdelegada do Goberno foi informada tamén sobre o traballo que a asociación está a realizar no acollemento a persoas refuxiadas procedentes de Ucraína. A organización forma parte do grupo de ONGs especializadas que xestionan, xunto á Administración pública, o sistema español de protección e acollida ás persoas refuxiadas e é unha das entidades financiadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para acoller ás persoas desprazadas de Ucraína.  

 A este respecto, Maica Larriba quixo poñer en valor o despregamento de medios e recursos para acoller ás persoas refuxiadas de Ucraína en Galicia, en en particular en Pontevedra, destacando  a colaboración estreita entre as administracións públicas e as diferentes organizacións.  

 A subdelegada valorou que, desde a activación do procedemento de urxencia, a Policía Nacional tramitou 883 solicitudes de protección temporal a ucraínos e ucraínas na provincia: 421 en Pontevedra, 338 en Vigo e 124 en Tui.  Este tipo de protección garante con carácter inmediato o permiso de traballo e residencia temporal en España. 

 Maica Larriba reiterou a importancia do traballo conxunto do Executivo e ONGs para que estas persoas “mentres estean entre nós, na provincia, se sentan como na súa patria, proporcionándolles o acceso aos servizos públicos, á educación e á sanidade”. A subdelegada fixo tamén referencia ao reto actual de socorrer e axudar a aquelas persoas ucraínas que chegaron a España por condutos non regulados ou previstos pola Administración. “Tamén estas persoas contarán co apoio de Goberno”, explicou.  

 A subdelegada quixo, por último, trasladar o seu recoñecemento ao persoal e ao voluntariado desta organización e do resto de asociacións que están a traballar na atención a estas persoas desprazadas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario