28 de xuño de 2022

A GUARDA

Heredeiros da Crus vai celebrar o seu 30 aniversario cun concerto na Guarda  

Unha das citas musicais máis importantes do verán terá lugar o sábado 9 de xullo ás 22:30h na explanada do Porto de A Guarda. 

A entrada será libre ata completar o aforo do recinto. A apertura de portas será ás 21:30h.  

 

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, na presentación do concerto de Heredeiros da Crus
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda súmase ao circuíto de música ao vivo Musigal, da Deputación de Pontevedra cunha das citas musicais máis agardadas deste verán na vila, o directo dunha das bandas galegas máis recoñecidas Heredeiros da Crus, que se presenta coma o “Fenómeno musical do século en Galicia”. Terá lugar o sábado 9 de xullo ás 22:30h na explanada do Porto de A Guarda  

 Heredeiros da Crus leva escribindo a historia do rock en galego desde fai exactamente 30 anos. Os mesmos que leva en activo e durante os que segue o grupo con máis poder de convocatoria do noso acervo musical. Con dez albumes no seu haber, os Heredeiros da Crus son o retorno constante á xenuidade xeracional que os converteu en autenticidade eterna e que trascende a toda evolución e a toda moda con temas que marcaron a vida de moitas persoas converténdose en auténticos himnos coma “Quero josar”, “Vaiche boa” ou “Pero que ghallo é!”.  



 Nesta xira do 30 aniversario de Heredeiros da Crus teremos a oportunidade de “josar” dos seus auténticos sons na Guarda en estado puro, nunha noite que, de seguro, quedará para o recordo.  

 Para o concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez Martínez, esta será unha das citas musicais máis importantes para a vila en moitos anos, un concerto que ven enmarcado no programa Musigal da Deputación de Pontevedra e co financiamento da produción técnica a cargo do Plan Concellos, co que se quere resaltar a aposta pola música feita en Galicia, para continuar pondo A Guarda na escena da cultura activa. 

FESTIVAL MAR DE BLUES 




 Rafael Álvarez quixo lembrar tamén outra das citas importantes deste verán na Guarda, como é o Festival Mar de Blues que terá lugar xa esta mesma fin de semana (1 e 2 de xullo) na Praza do Reló e que traerá á nosa vila a músicos internacionais coma Will Jacobs, Remi Bankyln ou Julian Vaughn.  

 Sen dúbida un verán cheo de propostas musicais, culturais e deportivas na Guarda, que serán presentadas nos vindeiros días co lanzamento da Axenda de Verán 2022.

Ningún comentario:

Publicar un comentario