5 de xuño de 2022

A GUARDA

“Piueiro” regresa a casa tras a odisea dos seus 11 tripulantes e unha marea solidaria   

O volanteiro de A Guarda foi recibido esta tarde por familiares, veciños e o alcalde desta localidade no mesmo porto do que partiran o pasado 9 de maio rumbo ao País Vasco. En Cíes, onde fixeron onte noite, recibiron a visita da conselleira de Medio Ambiente.  

O movimiento social que xerou a súa travesía, sobre todo por mor do contratempo no motor que estivo a piques de interromper o seu soño de participar no festival de Pasaia, foi “una das cousas máis bonitas que nos pasou”, asegura Joaquín Cadilla, presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.


O volanteiro “Piueiro” entrando no porto de A Guarda  
De novo en casa

Familiares e veciños no peirao de A Guarda

Mar Bermúdez / A Guarda

 O recibimento que o pobo de A Guarda brindou na tarde deste domingo día 5 de xuño de 2022 ao volanteiro “Piueiro” ao seu regreso do Festival de  Pasaia, despois dunha viaxe de máis de 900 millas, non será esquecido facilmente polos 11 tripulantes da embarcación tradicional que viviron estas semanas o que xa cualifican como “unha das mellores experiencias da nosa vida”.  Familiares e veciños, entre os que se atopaba o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e outros membros da corporación municipal, saudaron a chegada do volanteiro, que volveu a casa tras case un mes de periplo no que non faltaron os sustos, como a grave avaría no motor que lles obrigou a realizar unha parada técnica de varios días en Malpica. 

 Precisamente foi esa avaría a que marcou un punto de inflexión na odisea do “Piueiro” porque, segundo destacou o propio presidente da asociación cultural, Joaquín  Cadilla Castro, “xerou un movemento social en torno ao barco que non esperabamos, creouse unha comunidade marabillosa, en gran parte grazas aos medios e ás redes sociais”. De feito, a solidariedade de numerosas persoas logrou xa cubrir en parte a custosa reparación do motor que permitiu aos 11 do “Piueiro” concluír o seu soño de participar no Festival de Pasaia.  

 Atrás quedan xa as experiencias vividas noutros portos nos que fixeron escala e en Pasaia , así como as horas de traballo, as comidas e ceas a bordo, o mal tempo e a falta de sono. Porque a volta  do “Piueiro” foi máis dura do que esperaban: “Colleunos moi mala mar e, a pesar diso, decidimos navegar tamén de noite durante varios días para cumprir os prazos que nos impoñiamos”.  E unha vez máis, lográrono. 


Os piueiros no peirao de A Guarda 
  Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, no recibimento do Piueiro


 Estes homes e mulleres do mar, curtidos en mil mares e que suman centos de anos de experiencia, aseguran que con esta viaxe achegáronse máis que nunca aos seus antepasados: “Navegar desta  forma, como eles facíano outrora, fíxonos darlle máis importancia a todo o que lograron, o deles si que foi unha auténtica odisea”. 

 Previamente á súa chegada ao porto de A Guarda, o  volanteiro estivo fondeado en Cíes, onde fixeron noite e recibiron a visita da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do director do Parque Nacional Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, que lles trasladaron o seu parabén pola xesta realizada. 

Mantense aberta a conta solidaria ata o 11 de xuño 

 As persoas que queiran seguir colaborando co “Piueiro”  para que a asociación consiga completar o custo da reparación do motor poden seguir facéndoo ata o próximo día 11 de xuño a través dunha transferencia ou Bizum ao seguinte número de conta: ES19 2080 5038 4630 4002 3656.

Ningún comentario:

Publicar un comentario