A Xunta de Galicia implantará o Bacharelato no instituto Pedras Rubias de Salceda de Caselas o vindeiro curso e investirá preto de 2,5 M€ na súa ampliación
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o centro
Este verán habilitaranse dúas aulas para que 56 alumnos cursen estas ensinanzas a partir de setembro, como primeiro paso da ampliación que se iniciará a finais de ano
Infogauda / Salceda de Caselas
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o instituto IES Pedra Rubias, no que o seu departamento vai acometer unha ampliación por importe de preto de 2,5M€. Tal e como explicou, a Consellería adxudicou no mes de marzo a redacción do proxecto para a ampliación do centro, polo que se agarda telo listo o próximo mes.
No referido ás obras, Román Rodríguez indicou que a previsión é que saian a licitación despois de verán e que os traballos se inicien no último terzo de 2022. “Ao tratarse de traballos de gran envergadura, estimamos que a actuación podería estar rematada para o inicio do curso 2023/24”, engadiu.
O titular do departamento educativo da Xunta sinalou esta actuación como froito do compromiso do Goberno galego coa comunidade educativa de Salceda de Caselas, que solicitou incorporar ensinanzas de Bacharelato a este centro. “Ata o momento os rapaces estábanse desprazando a Porriño e Tui para cursalas, e agora poderán facelo no seu propio concello”, afirmou.
“Para o vindeiro curso 2022/23 xa se incorporarán a este instituto 56 alumnos de Bacharelato”, explicou o conselleiro, indicando que este verán se realizarán obras por importe de 40.000€ para habilitar dúas aulas dentro dos espazos xa dispoñibles. Este será o primeiro paso da ampliación do centro, que se está previsto iniciar a finais de ano.
Adaptado ao Plan de Nova arquitectura Pedagóxica
Unha vez rematadas as obras de ampliación o IES Pedras Rubias albergará aulas para ESO e Bacharelato, grazas á construción dunha nova superficie útil de 1.600 m², cunha área docente dotada de oito aulas, dous aseos e un laboratorio; así como espazos dedicados á administración e a servizos comúns. Así mesmo, engadiranse tamén espazos exteriores como un acceso e un patio cuberto e zona de estacionamento.
A ampliación realizarase de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para as infraestruturas educativas da próxima década, que aposta por un novo modelo de escolas máis flexibles, máis tecnolóxicas e sostibles, adaptado á situación poscovid.
A actuación enmárcase, ademais, nun investimento de máis de 850.000€ en obras en centros educativos deste concello desde 2009.
Ningún comentario:
Publicar un comentario