Maica Larriba trasládalle ao alcalde de Arbo que o proxecto de interconexión eléctrica con Portugal reúne todas as garantías medioambientais
A Liña de Alta Tensión (LAT) está contemplada dentro do Plan de Interconexión Europeo da Península Ibérica
A subdelegada lembrou que na súa tramitación se tiveron en conta todas e cada unha das alegacións presentadas polas diferentes administracións e que a liña supera incluso o mínimo esixido pola Lei en materia de distancia a núcleos de poboación
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Arbo, Horacio Gil, celebrada a petición do propio rexedor, na que lle trasladou que o proxecto de interconexión eléctrica con Portugal reúne todas as garantías medioambientais e que o trazado elixido, proposto por España, é o máis adecuado para salvagardar, entre outros, o espazo do Miño protexido da Rede Natura 2000, as zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ademais de cumprir de maneira absolutamente rigorosa toda a lexislación aplicable a este tipo de instalacións.
Así mesmo, a subdelegada incidiu en que a liña eléctrica, enmarcada dentro da Interconexión Europea da Península Ibérica, superou unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) moi estrita, cuxa tramitación se estendeu por máis de dous anos. Por outra banda, lembrou que neste proceso se tiveron en conta todas e cada unha das alegacións presentadas polas diferentes administracións e que o proxecto conta coas correspondentes autorizacións sectoriais relativas a augas ou protección do patrimonio, ao tempo que supera, incluso, o mínimo esixido pola Lei en materia de distancias a núcleos de poboación.
A subdelegada afirmou entender a preocupación transmitida polo alcalde que este tipo de instalacións espertan entre algúns veciños e veciñas e recordou que se trata dun proxecto que se iniciou en 2011, respaldado e acordado con Portugal no seu trazado actual. Nesta liña, explicou que o Goberno de España está decidido a levalo adiante “porque non só é unha liña de interese e utilidade nacional, senón que está dentro dun plan a nivel europeo de interconexións eléctricas”. Maica Larriba subliñou que o proceso garantista que seguiu este proxecto se exemplifica no feito de que as dúas torres eléctricas que van estar situadas no termo municipal de Arbo estarán a máis de 80 metros de distancia da vivenda máis próxima.
A subdelegada do Goberno asegurou, por último, que a Liña de Alta Tensión internacional terá a “mínima afección posible ao territorio” e que unha vez que Red Eléctrica conte coa pertinente autorización administrativa -cuestión que se agarda nun breve prazo- dará comezo o proxecto de construción que partirá desde o municipio de O Irixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario