13 de maio de 2022

PONTEVEDRA

O número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 14 en 2022  a 1.144 desde 2003   

Maica Larriba condena o último asasinato machista e reivindica tolerancia cero contra a violencia de xénero e quen a nega  

· Presidiu esta mañá un minuto de silencio pola última vítima da violencia machista, asasinada en Arona (Tenerife) pero veciña de Vigo  

· A subdelegada do Goberno trasladou as súas condolencias á familia e achegados da vítima  


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista

Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista, Clotilde Rodríguez, natural de Vigo e asasinada, presuntamente, pola súa parella na localidade de Arona (Tenerife) o pasado martes, 10 de maio, e que onte foi onte recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero.  

 A subdelegada lembrou que Clotilde é a décimo cuarta vítima de violencia de xénero no que vai de ano en todo o territorio nacional, e a primeira vítima da provincia. Desde o 2003, cando se comezaron a recompilar estes datos, xa son 1.144 as mulleres asasinadas por violencia de xénero.  

 Maica Larriba expresou a súa conmoción pola súa morte e lamentouse porque “unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller” e reafirmou “o compromiso deste Goberno por construír unha sociedade libre de violencias machistas”. A subdelegada quixo tamén trasladar todo o seu apoio a familiares e amizades.  

 Así mesmo, Maica Larriba pediu a institucións, administracións e a toda a sociedade seguir loitando para evitar que se produzan novas mortes como esta. “A loita contra a violencia de xénero é hoxe, se cabe, máis necesaria que nunca e precisa da implicación de toda a cidadanía, que debe ter tolerancia cero contra as violencias machistas e contra quen as nega”.   

 A subdelegada salientou tamén que “unha vez mais, prodúcese un asasinato por violencia de xénero, no que non constan denuncias previas a pesar de que o seu entorno coñecía a situación de malos tratos que vivía a vítima”. Maica Larriba quixo transmitirlle a todas as mulleres que “as administracións e a sociedade están ao seu carón” e insistiu na importancia de “tomar conciencia e denunciar” este tipo de situacións.  

 Desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra lémbrase que o Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, ten  a disposición da cidadanía o teléfono 016, as consultas en liña a través do enderelectrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do  WhatsApp no número 600 000 016, que funcionan as 24 horas, todos os días da semana.  

 No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 a 22 horas todos os días da semana, con atención en 52 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.  

 Así mesmo, tamén se informa que ante situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada e ante unha situación de perigo, pódese utilizar a aplicación ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero.  

 A día de hoxe, na provincia de Pontevedra contabilízanse 1.316 casos activos no Sistema de Seguimento de Violencia de Xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario