Perseguindo un soño. Un selo para o Monte Santa Trega
Marta Verde Rodríguez*
Como xa se dixo noutras ocasións, a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa leva dende a súa fundación, o 28 de xuño de 1964, perseguindo o soño de conseguir un selo de Correos dedicado ao noso fermoso Monte Santa Trega.
O Grupo Filatélico Guardés, así chamado nos seus comezos, era una sección da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. O Grupo filatélico seguía e segue, as mesmas inquietudes ca Sociedad Pro-Monte, que é fomentar e promocionar o noso pobo da Guarda e o Monte Santa Trega. Por iso, na acta do 4 de abril de 1965, aparece reflectido: "(…) Y por último dar cuenta de la buenísima acogida que, por parte de la Comisión 4ª, tuvo la sugerencia hecha por el “Grupo Filatélico Guardés” y pasar al estudio de tal Consejo Postal, lo factible de emitirse en la Serie Turística, algún motivo referente al Bajo Miño y que bien pudiera ser el famoso Santa Tecla". Nesta ocasión non tiveron sorte pero tampouco desistiron.
A Sociedade, ainda que non conseguira o afamado selo, estaba disposta a promocionar e dar visibilidade a todo o relativo o noso pobo e, en especial ao Monte Santa Trega. Son varios os cuños postais conmemorativos e os selos personalizados que se dedicaron ao Monte. En concreto ao coñecido Facho, o poboado castrexo do Monte e unha serie especial da primeira Xunta Directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, grazas a eles, descubriuse o importantísimo xacemento arqueolóxico.
Os 5 primeiros cuños postais conmemorativos foron deseñados por Juan Álvarez; os 10 seguintes e os 4 Tu sello, por Ángel Pérez; e o cuño turístico por Marta Verde. Hai que lembrar, que estes efectos postais poden chegar a calquera parte do mundo, dando gran repercusión cultural e turística a A Guarda.
Seguindo coa iniciativa de conseguir un selo para o Monte Santa Trega
38 anos despois de solicitalo por primeira vez, en 2003 unha nova Xunta Directiva, xa como Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, vólveo a tentar. O directivo Antón Ferreira elabora un completo e fabuloso informe sobre o Monte Santa Trega onde inclúe un bosquexo do que podería ser o selo. Pero tampouco houbo sorte.
En 2021, coa recentemente estreada Xunta Directiva, un dos seus proxectos era conseguir o prezado selo que vén perseguindo desde hai xa 57 anos, e por fin conseguiuno.
Despois de enviar por carta o 17 de agosto de 2021 unha solicitude acompañada dun informe explicativo do porqué A Guarda era merecedora dun selo, o 26 de novembro de 2021 recíbese resposta: "(...) Me complace comunicarle que la “Comisión Filatélica del Estado”, en su reunión celebrada el día 17 de noviembre de 2021, aprobó la petición de emisión de un sello de correo dedicado al “Monte Santa Tecla”. Por lo tanto, su solicitud, queda incluida en la programación de emisiones de sellos de correo y demás signos de franqueo para el año 2022."
A Sociedade enviou varias imaxes do que lle gustaría que aparecese no selo. Finalmente, o equipo de maquetación de Correos elixe unha imaxe realizada pola secretaria da Sociedade, Marta Verde Rodríguez.
O 31 de marzo de 2022 faise pública a imaxe do selo na páxina de Correos.
Púxose en circulación o 21 de abril e, a presentación oficial foi a cargo do concello de A Guarda e Correos o 26 dese mes ás 17:30 horas.
A Sociedade, como non podería ser doutra maneira, estivo tamén no evento arroupada por filatelistas e guardeses que non quixeron perder a ocasión de compartir este momento histórico para A Guarda.
Agora, fai o mesmo a Comunidade de Montes de Camposancos, uníndose a estes actos cunha exposición filatélica.
A Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, agradece moitísimo a Comunidade de Montes de Camposancos por compartir connosco esta gran celebración e difundir, a cultura que une a filatelia cos visitantes que se acheguen a mostra.
Para esta ocasión, a mostra contou con socios da nosa Sociedade, e foron:
• Europa a través do Euro (numismática)
Raúl Alonso Alonso
• Moedas de países Euro (numismática)
Marcelino Portela Lorenzo
• 1º Centenario de España
Marcelino Portela Lorenzo
• Jack. Una historia inacabada
Teodosio González Ferreira
• Emisiones locales de la Guerra Civil. Bando Nacional
Almudena Taboada Lago
• Izando velas, descubrimos y comercializamos
Cristina Domínguez Rotea
• Arte y comunicación de la música
Alfonso Dorado Senra
• Escritores y personajes
Antonio Martínez Martínez
• Ao son da gaita
Marta Verde Rodríguez
• A Guarda a través de los fotógrafos de la época
José Ángel Gándara Rodríguez
• Estilos arquitectónicos religiosos (en Europa y áreas de influencia)
Luciano Lomba Vicente
• 50º Anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa
Marta Verde Rodríguez, para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa
* Secretaria da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa
Ningún comentario:
Publicar un comentario