18 de xan. de 2022

VIGO

Persoal dos centros de chamadas mobilízanse en Bosch e Unísono convocado pola CIG para reclamar un convenio colectivo digno 

Tras as concentracións de hoxe diante destas empresas en Vigo, as  seguintes protestas terán lugar na Coruña, Ourense, Lugo e Santiago 


Un nutrido grupo de delegados/as sindicais da CIG e de traballadoras/es dos centros de chamadas  participou hoxe na mobilización convocada pola federación de Banca da CIG

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Un nutrido grupo de delegados/as sindicais da CIG e de traballadoras/es dos centros de chamadas  participou hoxe na mobilización convocada pola federación de Banca para reclamar un convenio digno no sector e os intentos da patronal de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector. Tras as  concentracións celebradas esta mañá diante de Bosch e Unísono en Vigo, as seguintes protestas terán  lugar na Coruña, Ourense, Lugo e Santiago. Dende a central sindical explican que o obxectivo das mobilizacións é denunciar a precariedade laboral e  o empobrecemento económico causado pola actitude avarenta das empresas do sector. Lembran que  este mes cúmprense dous anos dende que comezaron as negociacións do convenio colectivo, “tempo no  que as traballadoras/es dos centros de chamadas foron un dos colectivos máis afectados pola pandemia”. Neste senso, sinalan que a alta masificación de persoal nas plataformas e a escaseza de medidas  sanitarias provocaron un “auténtico caos” ao que as empresas rexeron “tarde, mal e arrastro”. 

 Neste contexto, o persoal foi enviado ás súas casas a teletraballar cos seus propios medios incorrendo en  gastos que a día de hoxe aínda non foron compensados. Aínda por riba, as empresas están utilizando o  teletraballo como premio ou castigo en función dos resultados, “despedindo sen miramentos a quen non  cumpra os obxectivos marcados”. 

 Ademais, nestes dous anos de negociación os soldos permaneceron conxelados, o que unido aos baixos  salarios establecidos en convenios anteriores e a suba desproporcionada do IPC -que pechou nun 6,5% a  nivel estatal, pero nun 6,7% en Galiza- provoca unha perda de poder adquisitivo sen precedentes, que  ascende a máis de 10.000 euros anuais en 11 anos. 

 “A todo isto engádeselle a constante presión e ameazas, a temporalidade, a dificultade para a  conciliación, unha clasificación profesional inadecuada e obsoleta, a contratación a tempo parcial e as  xornadas irregulares”. Por todo isto, a CIG iniciou unha campaña de mobilizacións por toda Galiza para  denunciar publicamente estas condicións. As protestas, que comezaron hoxe en Vigo, continuarán o  martes 25 na Coruña, o 8 de febreiro en Ourense, o 22 en Lugo e o 15 de marzo en Santiago. “Mais se  esta situación non muda, tal e como xa fixemos en anos anteriores, emprenderemos accións máis  contundentes”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario