A CIDADANÍA DE TOMIÑO SAIRÁ A RÚA EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA E UNHA SANIDADE DE CALIDADE
A CONCENTRACIÓN SERÁ NA PRAZA DO SEIXO O MÉRCORES 26 DE XANEIRO ÁS 19.00 HORAS
Infogauda / Tomiño
Tomiño vivirá este mércores día 26 de xaneiro de 2022 unha xornada de protestas para denunciar a grave situación da atención primaria no concello e en toda a comarca. Será na praza do Seixo ás 19.00 horas e forma parte dunha rolda de concentracións que se están a realizar por todos os concellos do Baixo Miño. A alcaldesa, Sandra González, anima “a todos e a todas a sumarse a unha protesta que reclama solucionar unha situación crítica que pon en risco a saúde de todos e de todas”.
A atención primaria en Tomiño e no Baixo Miño padece unha carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas, e provocando o exceso da atención telefónica que dificulta en gran medida unha boa atención e tamén xera que a centralita dos centros de saúde chegue a saturarse.
A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, afirma que a situación crítica xa existía antes da pandemia e que a COVID amplificouna. “Reclamamos que se volva abrir o consultorio de Goián e a cobertura das baixas, xubilacións e vacacións”, afirma a edil, ao tempo que lembra que “a resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.
O Concello de Tomiño tamén quere mostrar o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza. Por todo isto, “queremos que os veciños e veciñas saían a rúa para demostrarlle a Xunta que xa estamos fartos e fartas de poñer en risco a nosa saúde”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario