O Palangre de Superficie advirte de perdas de máis de dous millóns de euros pola descoordinación do goberno de España
• A descoordinación interministerial e a falta de respostas xeran inseguridade, indefensión e graves perdas económicas ao conxunto da frota palangreira de superficie.
Mar Bermúdez / Vigo, Marín, Burela e A Guarda
As catro organizacións de produtores representativas do palangre de superficie (OP7 BURELA, OPROMAR, OPNAPA e ORPAGU) consideran totalmente descoordinada e gravemente deficiente a xestión gobernamental española en relación ao Marraxo Dentuso (Isurus oxyrinchus) desde 2020. Ese ano empezaron os problemas administrativos que continúan coleando a día de hoxe. De feito, a falta de decisións a nivel interministerial, que xa supuxeron importantes prexuízos económicos para o sector, poderían supoñer perdas de máis de dous millóns de euros neste 2022.
A xestión descoordinada das administracións competentes (Pesca, Comercio e Transición Ecolóxica), que se limitan a culparse mutuamente da situación, podía ser comprensible o primeiro ano de aplicación dos certificados CITES (2020), pero o escenario volveu repetir en 2021 e a 2022 ameaza cun panorama aínda peor.
A falta de toma dunhas decisións que deberían estar vixentes o 1 de xaneiro, escurécese máis pola ausencia total de respostas ás insistentes consultas do sector respecto a a publicación das cotas CITES 2022. Isto débese, unha vez máis, á constatada descoordinación dos ministerios implicados na xestión do Marraxo. A única medida tomada ata o momento foi a de prohibir reter a especie de forma global, mentres outras frotas capturan esta mesma especie ante a impotencia dos armadores e organizacións que os representan, que ven sistematicamente desatendidas as súas peticións urxentes.
O sector lamenta que no único que se poñen de acordo os ministerios é en culparse uns a outros da kafkiana situación. Mentres, as empresas armadoras sofren todos os prexuízos derivados deste escenario que se repite desde 2020.
Co ano pesqueiro iniciado e a frota afectada acumulando días dunha restrición que non debería existir de xestionarse de forma correcta a pesca e a comercialización desta especie, as catro organizacións representativas do palangre de superficie de altura e gran altura español piden unha SOLUCIÓN INMEDIATA ao conflito que ameaza co peche de empresas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario