27 de xan. de 2022

ECONOMÍA

O noso país pechou o último trimestre do ano pasado cun total de 12.900 persoas activas menos con respecto a 2019  

Os datos da EPA seguen a amosar unha preocupante evolución do mercado  laboral, que destruíu 10.100 empregos nese mesmo período 


Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 Galiza pechou o último trimestre do ano pasado cun total de 12.900 persoas activas menos con respecto a 2019,  segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que se veñen de coñecer. A CIG considera convinte  comparar a evolución das cifras en relación a 2019 e non a 2020 para poder coñecer con máis exactitude o alcance  da situación, tendo en conta que o ano pasado todos os indicadores macroeconómicos rexistraron retrocesos  considerábeis como consecuencia da crise derivada da pandemia da covid. 

 Deste xeito, se ben os datos do último trimestre do ano pasado melloraron con respecto a 2020, este  comportamento muda a valores negativos se a comparativa se fai con 2019, o que dá unha imaxe máis aproximada  do que está a acontecer no mercado laboral. Un mercado laboral que sigue a amosar unha evolución moi  preocupante: dende 2019 destruíu 10.100 empregos no noso país, fundamentalmente no sector industrial e no  primario. O único sector onde medra a ocupación é nos servizos (26.700 persoas), mentres que a industria perdeu  11.700 empregos con respecto a 2020, o que amosa a profunda crise industrial que atravesa o noso país. 

 Polo tanto, o descenso da poboación parada rexistrado non se debe ao medre da ocupación, senón a caída da  poboación activa, que ao mesmo tempo está a experimentar un constante avellentamento, até o punto de que o  tramo de 25 a 54 anos reduciuse en 31.300 persoas dende 2019. Pola contra, o de máis de 55 anos incrementouse  en 24.000. “Isto é consecuencia directa da precariedade do mercado laboral, que fai que a xente nova emigre en  busca de mellores oportunidades de traballo”, denuncia o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego  e Industria da CIG, Paco Sío. 

 Para o responsábel sindical este progresivo aumento da idade das persoas activas coloca o sistema nunha situación  “insostíbel”, polo que reitera a necesidade de derrogar de xeito inmediato as reformas laborais de 2010 e 2012 para  permitir que a xente moza poida gozar dunhas condicións de traballo dignas.  

 Ao mesmo tempo alerta sobre o aumento dos fogares con todos os seus membros no paro, xa que dende 2019 hai  100 fogares galegos máis nesta situación, atinxindo o total a 52.500. Ademais, a taxa de temporalidade  incrementouse nun 0,5% con respecto a 2020, situándose non 24,5%. “isto demostra que a reforma que está a  aplicar o Goberno español non é a solución para as problemáticas do mercado laboral”.  

 Finalmente, incide en que para a CIG que os datos de contratación melloran en termos xerais é consecuencia directa  da suba do Salario Mínimo Interprofesional, aínda que fai fincapé na necesidade de cumprir as recomendacións da  Carta Social Europea no sentido de que o SMI ten que ser alomenos do 60% do salario medio, que no caso español  sería de 1.160 euros ao mes. “Un maior poder adquisitivo da clase traballadora provoca a reactivación económica,  ampliando a capacidade das empresas para contratar persoal”, remata. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario