15 de xan. de 2022

CULTURA

Román Rodríguez avanza un investimento de 1,6 M€ para mellorar o Museo Massó e a Illa de San Simón  

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visitou hoxe ambos espazos nos que se actuará para garantir a súa conservación e uso como recurso cultural

No caso de Bueu, o proxecto centrarase en incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro Massó Hermanos no funcionamento do museo abrindo ao público fondos do pintor Lugrís que actualmente permanecen gardados  

En San Simón, pola súa banda, intervirase en varias edificacións para resolver problemas de humidade e danos causados polas inclemencias do tempo


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no museo Massó
Fotos: X.G.

Infogauda / Bueu / Redondela

 O Museo Massó de Bueu e a Illa de San Simón contarán cun investimento de 1,6M€ para levar a cabo actuacións de conservación e restauración que promovan o seu uso como recurso cultural sostible. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a ambos espazos na que presentou o proxecto das obras que se iniciarán nas vindeiras semanas co inicio do proceso administrativo.

 No caso do Museo Massó, o titular autonómico de Cultura explicou que o proxecto prevé un investimento de 1,1M€ para incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro Massó Hermanos no funcionamento do museo. Trátase dunha actuación que, tal e como salientou Román Rodríguez, suporá “un punto de inflexión na historia do museo ao dotalo dunha maior funcionalidade e dos espazos suficientes para poñer en valor o legado mariñeiro tanto de Bueu como para a comarca do Morrazo”.

 Concretamente os traballas centraranse en ampliar o acondicionamento da Sala Lugrís, iniciado en 2021, para integrala na exposición permanente. “A iniciativa permitirá mostrarlle ao público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan cerca de 300 metros lineais”, explicou.

 Ademais, a rehabilitación prevista inclúe tamén a mellora dos pavimentos, paramentos verticais, a consolidación de muros estruturais e forxados de pisos. Actuarase tamén sobre acabados, instalacións, sistemas de illamento e acondicionamento ambiental a prol da sustentabilidade e a eficiencia enerxética.

Rehabilitacións integrais nas naves

 Outro das áreas sobre os que se vai actuar é o tramo sur da nave da antiga conserveira, integrado na exposición permanente desde 2011 para mostrar as embarcacións e a actividade portuaria. Nel farase unha rehabilitación integral, con actuacións en cubertas, paramentos, elementos estruturais e pavimentos, respectando os seus valores culturais e garantindo a sustentabilidade, eficiencia e funcionalidade.

 Os traballos complétanse coa rehabilitación da antiga nave de atadores, que se destinará a almacén para as coleccións do museo, e a recuperación da antiga nave da conserveira como espazo único, coa demolición dos tabiques interiores. A maiores, o proxecto prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.

 Esta actuación súmase á anunciada o pasado verán, destinada a crear unha nova sala de interpretación no Concello de Bueu para a posta en valor do pasado romano da vila, cun orzamento de 225.000 euros confinanciados nun 80% pola Xunta a través dun acordo co Goberno local. Asemade, a Xunta investiu xa máis de 80.000 euros no acondicionamento de cubertas, carpintería e fachada do propio Museo Massó.

Melloras na Illa de San Simón

 Por outra banda, Román Rodríguez visitou a Illa de San Simón, onde está previsto poñer en marcha un proxecto para garantir a conservación das estruturas e inmobles existentes tanto en San Simón como na Illa de San Antón. “Este é un espazo único que conta cunha gran riqueza histórica, patrimonial e paisaxística e que o converten nun recurso emblemático para o desenvolvemento de actividades culturais”, indicou o conselleiro antes de engadir que o obxectivo da Xunta é facilitar que a illa sexa “visitada e gozada pola cidadanía”.


O conselleiro na súa visita a Illa de san Simón

 Para conseguilo, a Xunta dedicará 500.000€ a realizar obras que contribúan ao “debido mantemento deste ben para promover tanto os usos existentes como implantar outros novos que reforcen o seu atractivo”.

 O proxecto inclúe a restauración das instalacións, especialmente as relacionadas coa subministración de auga potable, a prol dun consumo máis eficiente. Tamén se actuará nas diferentes construcións existentes para recuperar o seu aspecto orixinal e garantir a súa sustentabilidade. Nesta liña, vaise intervir nos edificios do Seminario, do Centro de Interpretación e da Casa da Cultura, así como no comedor.

 Cómpre sinalar que a Xunta leva investidos xa preto de 400.000 euros en diferentes actuacións nas illas de San Simón e de San Antón, con melloras nos edificios e noutros elementos construtivos, como os peiraos, ademais de varias plantacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario