21 de dec. de 2021

LECER

Arranca o programa en directo “Merenda cos Bolechas”   

A familia Bolechas estará 'en directo' todos os días coa cativada galega   




Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 Este luns 20 de decembro estreouse o novo programa dos Bolechas que se emitirá en directo todos os días ata o 7 de xaneiro a través da canle oficial da Televisión de Galicia en YouTube. 

 Todos os días, de luns a venres, “Merenda cos Bolechas” emitirase en directo (streaming) ás 17.00 horas, agás os días de Noiteboa (24 de decembro) e de Fin de Ano (31 de decembro) en que a conexión en directo será ás 12.00 h. 

  



 Os irmáns e irmás Bolechas estarán en directo cada día, xunto ao resto da parentela (mamá, papá, avós e avoas, curmáns e ata Lusco e Fusco...) para celebraren o Nadal con todas as familias de Galicia. Tamén estarán en directo no programa outras persoas convidadas que porán música, baile, diversión, maxia e unha chea de sorpresas nesta nova aventura audiovisual. No primeiro programa Miguel Guido, profesor de inglés dos Bolechas, cantou unha canción. E tamén se ensinou a lavar ben as mans e moitas outras cousas moi divertidas.  

 Ademais, todas as persoas que sigan o programa en directo desde os seus ordenadores ou dispositivos móbiles poderán comunicarse cos Bolechas e ter unha interacción cos personaxes que participan nesta nova serie audiovisual da Televisión de Galicia.   

 Unha nova proposta para conectar unha das familias máis queridas de Galicia coa cativada durante estas vacacións de Nadal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario