19 de nov. de 2021

VIGO

Tensión ao inicio da folga en Vitrasa polos intentos de boicot da empresa, que non permite a identificación dos buses en  servizos mínimos 

Varios/as traballadores/as tiveron que ser atendidos/as en urxencias como  consecuencia das lesións producidas pola actuación policial

 


Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 As primeiras horas da folga convocada en Vitrasa para reclamar melloras laborais e rematar coa falta de descanso e co exceso de xornada deixaron - segundo vén de facer público a CIG -  momentos de tensión polos intentos de boicot da empresa,  que non lle permitiu ao comité de folga identificar os autobuses en servizos mínimos. Como  consecuencia da actuación policial varios/as traballadores/as tiveron que ser atendidos/as en urxencias  por lesións de distinta consideración

 De acordo co comunicado facilitado pola CIG a Infogauda os incidentes producíronse a primeira hora da mañá nas instalacións da concesionaria do servizo de  transporte urbano do Concello de Vigo na estrada de Camposancos, cando o comité de folga procedía a  identificar cun documento selado os vehículos que se atopan en servizos mínimos para garantir que  ningún traballador/a puidese colocar pola súa conta o rótulo electrónico de servizos mínimos e deste  xeito non secundar a folga de xeito camuflado 

 O presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, explica que este foi o xeito de proceder até o de agora en cada un dos paros convocados na empresa, pero nesta ocasión a dirección negouse, “nun claro  intento de impedir o dereito de folga”. Malia todo, o seguimento do paro está a ser practicamente total na quenda de mañá, que deu comezo ás 5:00 horas, xa que unicamente catro condutores/as que non estaban en servizos mínimos -fixados no 60%- foron a traballar.  

 “O único que pretendíamos era controlar que se cumpran os servizos mínimos e evitar que calquera  poida poñer o rótulo electrónico para pasar por servizos mínimos o que é esquirolaxe”, sinala Arnoso.  Pero a empresa negouse a chamou a policía para que desaloxase os traballadores/as que impedían a  saída dos vehículos. Como consecuencia dos forcexos, varios membros do comité de folga tiveron que  ser atendidos/as en urxencias por escordaduras, golpes e contusións. 

 Posteriormente a policía identificou tamén a varios integrantes do comité que intentaban impedir a saída dun autobús co que a empresa pretendía substituír outro que supostamente sufrira unha avaría na rúa.  “Dixémoslle que para sacalo tiña que chegar primeiro o outro, pero negáronse”, critica. 

 A folga de 24 horas continuará mañá sábado e terá continuidade todos os venres e sábados até o 13 de  decembro, cando pasará a ser de luns a venres de xeito indefinido, a excepción dos festivos.  

 O comité de empresa decidiu retomar a convocatoria dos paros pola actitude inmobilista da empresa ao  longo de case un ano de negociacións. A representación do persoal destaca a súa flexibilidade nas negociacións, xa que para paralizar as mobilizacións as propostas feitas son relativas á mellora das  condicións de traballo, como descanso durante a xornada, duración máxima da xornada diaria, tempos  de percorrido, etc, deixando en segundo plano a parte económica para unha negociación posterior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario