9 de nov. de 2021

TURISMO

A Deputación de Pontevedra chama en Fairway a "vivir un soño paso a paso" nos cinco camiños oficiais e nos itinerarios culturais que cruzan a provincia 

A presidenta Carmela Silva destaca que nas Rías Baixas vívense "momentos e experiencias únicas" e destaca "as paisaxes, a luz, sons e atmosferas dos camiños" 


A presidenta da Deputación, Carmela Silva, no foro Fairway
Foto: D.PO.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Camiño en Pontevedra é "un soño que se vive paso a paso". A presidenta da Deputación, Carmela Silva, chamou esta mañá no foro Fairway sobre o Camiño de Santiago a visitar a provincia e percorrer as cinco rutas oficiais e os itinerarios culturais que a cruzan para cumprir ese soño e "vivir momentos e experiencias únicas". Acompañada da artista viguesa Roma González e do presidente de Segittur, Enrique Martínez, evocou diante de alcaldes e alcaldesas e de representantes do sector turístico "as paisaxes, a luz, os sons e as atmosferas que ves e sentes cando percorres os camiños" que cruzan as Rías Baixas. Roma pechou o acto coa interpretación en directo do seu éxito "Dale, dale".  

 A presidenta provincial presentou unha nova peza audiovisual da campaña "É o teu momento" con fermosas imaxes aéreas de paisaxes do interior e a costa da provincia cruzadas por camiños. "¿Viron que luz, contrastes e cores? Case podes sentir o recendo da natureza con estas imaxes", destacou, para salientar que "as persoas que percorren os camiños das Rías Baixas senten que están vivas e atópanse consigo mesmas".  Silva lembrou que cruzan a provincia o Camiño Portugués, o da Costa, a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. "Temos un paraíso multiplicado por cinco", celebrou, ademais de reivindicar este territorio "verde e destino turístico sostible" e lembrar que xunto aos camiños oficiais hai itinerarios culturais como a Ruta do Padre Sarmiento ou o Camiño dos Arrieiros que están a gañar afluencia.  

 "Somos unha terra de camiños onde vivir momentos únicos, porque no fondo trátase diso, de vivir momentos. O que gardas na memoria ou anotas e máis tarde lembrarás. As postas de sol, a enerxía do mar e as fervenzas, as pedras milenarias dos castros, unha copa de albariño ao finalizar unha etapa do camiño, os ‘bos días' ao iniciar a xornada ou ese momento de paz a soas", explicou.  

 Roma contou ao público que soe inspirarse para compor cancións cando sae a camiñar polas paraxes naturais da provincia e fixo referencia aos milleiros de imaxes publicadas por persoas nas redes sociais nos concursos #MomentosRíasBaixas. "Encántame ver eses lugares e encántame que as persoas que nos visitan e fan o Camiño sintan o mesmo que nós", comentou, para mencionar tamén os "lugares incribles que hai na provincia para o turismo activo, o deporte ao aire libre, as actividades saudables en plena natureza".

Ningún comentario:

Publicar un comentario