17 de nov. de 2021

PATRIMONIO

A Xunta de Galicia iniciou unha nova campaña arqueolóxica no campamento de Ciadella en Sobrado cun investimento de 200.000€  

Durante nove meses un equipo de arqueólogos e restauradores traballará neste asentamento militar co obxectivo de poñelo en valor e difundilo entre a cidadanía

Esta actuación súmase as realizadas xa polo Goberno galego nos últimos anos que en total suman un investimento de 600.000€  

O xacemento de Sobrado é un dos dous fortes militares estables de época romana que se conservan actualmente en Galicia e dos poucos que existen en España  

A posta en valor do patrimonio arqueolóxico refórzase nos orzamentos do vindeiro ano que contan cun incremento do 23,5% no eido da conservación e restauración


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o campamento romano de Ciadella
Fotos: X.G.


Infogauda / Sobrado (A Coruña)

 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o campamento romano de Ciadella para anunciar que a Xunta de Galicia puxo en marcha unha nova campaña arqueolóxica neste espazo do concello coruñés de Sobrado, co fin de dar continuidade as actuacións impulsadas polo Goberno galego nos últimos anos que, no seu conxunto, suman un investimento de 600.000€. Así, desde o martes 2 de novembro e durante nove meses, un equipo de arqueólogos e restauradores traballará para poñer en valor este asentamento militar e difundir a súa importancia entre a cidadanía.

 Trenor explicou que o proxecto conta cun investimento de 200.000€ cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, centrarase en investigar, escavar, consolidar, acondicionar e sinalizar unha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas que están situadas na zona central do campamento e no que xa se desenvolveron diversas actuacións con anterioridade.

 Concretamente, actuarase sobre unha superficie de 2.565 metros cadrados nos que se atopa o denominado principia, unha edificación duns 1.200 metros cadrados que funcionaba como cuartel xeral e espazo medular do forte romano, e a via principalis, a arteria viaria do campamento que comunicaba as catro portas do forte.

 Para completar os traballos instalaranse sinais no interior do xacemento que faciliten que os visitantes poidan realizar un percorrido auto guiado a través de códigos QR nos que se poderán descargar vídeos explicativos sobre as características xerais do xacemento e das diferentes estruturas arqueolóxicas conservadas. Así mesmo, organizaranse accións de divulgación para difundir os traballos realizados entre a cidadanía a través de publicacións en redes sociais, obradoiros ou visitas guiadas.

 Esta nova campaña súmase aos traballos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva a cabo neste xacemento arqueolóxico desde o ano 2016, cando se impulsou a primeira escavación no sector noroeste da muralla. A última intervención fíxose o pasado en colaboración coa Universidade de Vigo. Nesa ocasión, os traballos permitiron que o asentamento militar renacese debaixo da vexetación sacando á luz un gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións. Así mesmo, tamén foi posible definir as fases cronolóxicas de ocupación deste xacemento, determinando que a súa construción foi no século I despois de Cristo, o que supón que se realizou catro décadas antes do que se pensaba.

Compromiso co legado patrimonial

 A actuación no campamento romano da Ciadella forma parte do compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación dos diferentes restos arqueolóxicos que existen na Comunidade. Neste senso, cómpre lembrar que ademais de actuar neste xacemento, actualmente tamén están marcha traballos nos concellos de Pantón, Lalín ou Lobios, entre outros, e que recentemente vimos de finalizar unha intervención sobre o xacemento romano de Proendos, no que saíron á luz importantes restos do século I ao V.

 Como parte deste compromiso co patrimonio cultural e con que este sexa herdado ás futuras xeracións nas melloras condicións, as contas presentadas estes días para o vindeiro ano refórzanse nun 23,5% no eido da conservación e restauración poñendo especial atención as actuacións en bens arqueolóxicos, para as que se duplicará o investimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario