A reforma da praza do Calvario obtén a subvención ReacPon da Deputación
A administración provincial financiará o 517.938 euros do custo de licitación da mellora do espazo
Infogauda / O Rosal
A reforma da praza do Calvario, un proxecto que suporá a mellora e remodelación integral do núcleo urbano do Rosal, acaba de obter a subvención ReacPon da Deputación de Pontevedra, un plan de investimento público que mobilizará 39,1 millóns de euros para acometer grandes actuacións nos concellos da provincia e transformar o territorio. A reforma presentada polo Concello recibirá 517.938 euros, un 34 % do custo da licitación da mellora da praza.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, agradece a Deputación “o seu apoio a unha reforma de moita importancia para nós” e explica que o Concello está a facer un esforzo importante para a captación de fondos para proxectos transformadores como a mellora da praza. A redacción do proxecto xa recibira a subvención Ágora da administración provincial coa máxima puntuación en varios puntos da convocatoria, sendo o terceiro concello con máis puntos entre os 31 que recibiron a axuda.
A intervención transformará a praza, pero conservarase o seu uso polivalente cun marcado carácter peonil servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantindo o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais.
A rexedora informa que os traballos comezarán pronto e lembra á veciñanza que a recuperación da praza do Calvario “vai dotar de identidade o centro urbano, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona”.
Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, como proxecto paralelo á reforma, o Concello prepara tamén unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario