A Mancomunidade do Baixo Miño pon autobuses para acudir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago o 14 de novembro
Será de balde e pode solicitarse xa a través das webs da Mancomunidade e dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui
Infogauda / O Baixo Miño
"A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, súmase á manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública ante o perigo ao que está sometida a atención primaria por falta de persoal e de medios". Dese xeito, o ente intermunicipal vén de facer público seu apoio a convocatoria, motivo polo cal "a Mancomunidade porá a disposición da veciñanza transporte público gratuíto para asistir a esta manifestación que se sairá o vindeiro domingo 14 de novembro ás 12.00 horas dende a alameda de Santiago de Compostela."
Para ás oportunas previsións de mobilidade, desde á Mancomunidade indican que "as persoas interesadas xa poden solicitar o autobús a través dos formularios habilitados nas webs da Mancomunidade e dos catro concellos, indicando nome, apelidos, teléfono de contacto e indicando en cal destes municipios se collería o transporte. En función do número de solicitudes deseñaranse os horarios e rutas necesarios e daranse a coñecer. Os formularios estarán abertos ata o vindeiro venres 12 de novembro".
A MANCOMUNIDADE RECLAMA UNHA MELLORA DA ATENCIÓN SANITARIA NOS CENTROS DE SAÚDE
"Dende a Mancomunidade reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. Aos recortes súmase a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa pouco persoal sanitario dispoñible e longas esperas para obter unha cita".
Asemade, "as rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza."
Ningún comentario:
Publicar un comentario