20 de out. de 2021

O ROSAL

A CESTA DE 25.000 EUROS DO ROSAL ACHÉGASE A VIGO

O venres 17 de decembro de 2021, será o agardado sorteo 


O Campión do Mundo Gabriel Marcelli, no medio, con Celia e Dani, promotores  da terceira edición da “Macrocesta de Nadal”


Juan Ramón Martínez Barbosa / O Rosal

 O Rosal celebrará en pouco menos de dous meses, en concreto o venres 17 de decembro de 2021, o agardado sorteo da terceira edición da “Macrocesta de Nadal”, valorada en máis de 25.000 € que organiza a cafetería Skape 30 coa colaboración de Moteiros do Baixo Miño e Celtamotor BMW Motorrad de Vigo.

 Segundo Dani Rodríguez e Celia Carrera, xerentes do local rosaleiro e promotores desta singular iniciativa “o sorteo -que está regulado pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia- inclúe a impresionante motocicleta BMW 1000 cc, RR versión 2022 que a teremos exposta a partir de finais do mes de novembro”. 

 A cesta, ao igual que en anteriores ocasións, contén artigos de primeira calidade adquiridos no comercio local de O Rosal e do Baixo Miño, como son unha TV de 55", unha secadora, unha Play Station 4 Pro, un ordenador portátil I3, un xamón, unha cesta de productos típicos da zona, 300 € en rascas da ONCE, 10 décimos de Lotería Nacional de Nadal, 10 décimos de Lotería de Nadal da ONCE e un cambio de rodas de ata 300 € en MGV Automoción.


Membros de Moteiros do Baixo Miño e organizadores coa BMW 1000

 O propio deportista da vila, o piloto Gabriel Marcelli, campión do Mundo de TR2 e unha das máis firmes promesas da elite do trial internacional, vén de amosar o seu apoio aos emprendedores rosaleiros, pois non en van, Skape 30 convertiuse na sede galega do seu Club de Fans. 

 Este sábado 23 de outubro, á tardiña, se as condicións meteorolóxicas o permiten, realizarase unha das primeiras e curiosas promocións da “Macrocesta” ao aire libre e a pé de rúa polo centro da cidade de Vigo. A rifa-participación, que ten un custo de 5€, poderase adquirir presencialmente ou ben vía en liña. 

 Máis información nas redes sociais de Skape 30. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario