20 de out. de 2021

A GUARDA

O BNG LAMENTA A FALTA DE PROXECTO  PARA A PRAZA DE ABASTOS DA GUARDA  

Anxo Lois Baz Vicente (concelleiro portavoz do Grupo Municipal do BNG): “A ausencia  de proxecto do goberno municipal do PSOE lévaos  a ir  dilapidando recursos, facendo remendo sobre remendo,  sen un proxecto global para camiñar cara a  un mercado de excelencia” 


Anxo Lois Baz Vicente, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda, no primeiro andar da Praza de Abastos


Infogauda / A Guarda  

 “No mes de maio do 2020 o BNG levou ao pleno do Concello da Guarda a proposta de elaboración dun proxecto de reforma integral da Praza que nos permitira optar ao  recoñecemento de mercado de excelencia  por parte da Xunta de Galiza. A nosa proposta foi aprobada”. Dese xeito relembra Anxo Lois Baz Vicente, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda, a iniciativa presentada polo  BNG en relación ao mercado municipal. 

 Meses despois - engade o voceiro nacionalista - o grupo de goberno do PSOE, facendo caso omiso  do acordo plenario, anunciou a reforma do pavimento da parte superior, un acceso a terraza e a mellora dun posto por un importe total de 40.000 €. Nese momento o BNG  cualificou este anuncio como un remendo máis que desvirtuaba radicalmente o acordo plenario comprometendo un proxecto de futuro para a Praza.  

BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS E REMENDOS

 A falta de criterio e a improvisación  - resalta Baz Vicente - chegan ao extremo de que o acceso a terraza presenta  barreiras arquitectónicas”. 

  Asemade, Anxo Lois Baz afirma que “desde o ano 2013 os parcheos realizados na Praza de Abastos superan os 332.000€. O grupo de goberno do PSOE nunha recente comparecencia nos medios de comunicación volve anunciar unha nova reforma “estética” por valor de 100.000 €.  

 Sen dúbida con estas inversións racionalizadas, cun proxecto ben definido, que simplemente non existe, a Praza podería dar un salto cualitativo. Cunha cuantía non moi superior Tomiño logrou un mercado de excelencia e o Rosal cunha inversión bastante menor  vai camiño del” 

 Finalmente, o portavoz municipal do BNG Anxo Baz manifestou: “A ausencia de proxecto do goberno municipal lévaos a ir dilapidando recursos, facendo remendo sobre remendo,  sen un proxecto global para camiñar cara a un mercado de excelencia. As consecuencias están a vista, lonxe de dinamizar a praza en vez de abrirse postos pecháronse varios”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario