27 de set. de 2021

MONDARIZ

A Xunta de Galicia leva investidos 14 M€ no funcionamento e equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade  


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos voluntarios da agrupación de Oitavén-Tea na base de Mondariz

Foto: X.G.


A agrupación conta con outra base en A Lama onde este ano a Xunta puxo en marcha un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) con sede neste concello e que tamén da cobertura a Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas  

O investimento do Goberno galego para o mantemento e o equipamento deste servizo de Protección Civil e de emerxencias supera os 244.800 euros


Infogauda / Mondariz

 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) Oitavén-Tea, que conta con 29 voluntarios dos que destacou o seu labor altruísta e desinteresado cada día para velar pola seguridade dos seus veciños como demostraron nos operativos levados a cabo durante a pandemia da covid-19, ademais de reforzar aos servizos de emerxencias tanto no traballo de prevención como en apoio nas intervencións.

 Por iso, incidiu no compromiso da Xunta para dotar do material necesario a estas agrupacións para que poidan realizar o seu traballo con seguridade e mellorando a eficiencia do servizo. Así, nos últimos anos o Goberno galego leva investidos 14 millóns nas AVPC da Comunidade, dos que 11 millóns se corresponden co reforzo do equipamento.

 No caso da AVPC Oitavén-Tea, que conta con dúas sedes en Mondariz e A Lama, a Xunta investiu máis de 244.800 euros no seu equipamento e no dos servizos de emerxencias de ambos concellos. Entre o material cedido inclúese un traxe de velutina, unha pértega, un todocamiño tipo pick-up, un desfribilidador semiatuomático (DESA), un remolque de emerxencias, unha furgoneta ou un camión autobomba rural pesado.

 A Xunta xa publicou unha orde de axudas de 1 millón de euros para a cesión de novo equipamento ás agrupacións de Protección Civil da comunidade e destinará 340.000 euros os seus gastos de funcionamento, ademais de apoiar as actividades do Xacobeo 21-22 nas que participen para garantir a seguridade.

 Santiago Villanueva lembrou que os 29 efectivos da AVPC Oitavén-Tea e do resto de agrupacións de Galicia teñen á súa disposición a formación que presta a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) co curso básico para obter o carné de voluntario como con formación continua para actualizar os seus coñecementos.

 Cómpre lembrar ademais que A Lama, unha das bases da AVPC Oitavén-Tea, tamén é sede do novo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) posto en marcha este ano pola Xunta, en consenso coas deputacións provinciais e a Fegamp, para dar cobertura a este municipio e aos de Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. Trátase dun dos tres novos GES creados na provincia de Pontevedra xunto co de A Cañiza e o de Mos/Redondela, este último cunha sede en cada un dos dous municipios. Ademais, aprobouse o funcionamento doutros dous novos GES na provincia de Ourense con sedes en A Veiga e Maceda e do servizo municipal de emerxencias no concello coruñés de Noia. Desta forma, a Xunta busca mellorar a cobertura e os tempos de resposta ante emerxencias en toda a comunidade, polo que tamén vén apoiando o funcionamento e equipamento dos 33 grupos que dan servizo a 189 concellos con máis de 40 millóns de euros investidos nos últimos anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario