Persoal do Banco Sabadell mobilizarase en Vigo
Contra os despidos e o peche de oficinas previstos pola entidade
Infogauda / Vigo
Os sindicatos con representación no Banco Sabadell convocan este xoves 30 unha mobilización conxunta nas dúas das oficinas de Vigo (na da rúa Colón 26 ás 11:00 horas e na de Policarpo Sanz 3 ás 11:30 horas) para rexeitar a pretensión da entidade de despedir a 1.936 persoas e pechar o 38% das oficinas en Galiza.
Seguindo o camiño marcado por outras entidades, o Banco Sabadell, que xa no primeiro trimestre deste ano se desfixo de 1.800 traballadoras/as, agora presentou un ERE ara despedir en todo o Estado a 1.936 persoas máis. As xustificacións, segundo explica o secretario da sección sindical da CIG, Andrés Río, son iguais que as dos demais. De feito, quen asesora ao banco é o mesmo bufete de avogados/as especialistas en despedimentos no sector financeiro.
Entre outras cuestións a entidade alega a maior dixitalización da clientela, que cualifican de “forzada e inmoral”, para a que aproveitaron a situación de pandemia que vivimos desde o ano 2020, cando, afirman, “a clientela o que demanda é atención presencial”. Como demostración Río apunta as longas colas e a sobrecarga de traballo que se acumula nas oficinas. “Expulsan á clientela das oficinas para xustificar despedimentos”, lamentan.
Xunto a isto explican que o banco di que ten unha baixada de marxes e de rendibilidade, “mentres acribillan a comisións ás e aos clientes e restrinxen servizos, ao tempo que declaran beneficios de 220 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, un 51% máis que o ano pasado”. Por iso consideran que “a única meta do Banco Sabadell é repartir un dividendo do 30% do beneficio ao seu accionariado”.
Redución de custos de persoal
Para a sección sindical da CIG, o que buscan é reducir custos, mais reducindo só os custos de persoal, que é quen produce os beneficios.
Nese sentido apuntan a contradición de terse a entidade desfeito de 1.800 persoas a principios deste ano para contratar a 200 persoas despois “porque non daban feito co traballo”. Isto xunto coa contratación dunha decena de colaboradores con salarios millonarios para reorganizar a cúpula directiva e a quen sinalan como “fichaxe estrela”, César González-Bueno, ao que acusan de estar “á fronte desta nova desfeita de despedimentos”.
Diante disto, as centrais sindicais elaboraron un calendario de mobilizacións que comezou o pasado xoves 23 e que mañá terá continuidade en Vigo:
XOVES 30 SETEMBRO – VIGO:
*Concentración ás 11:00h en Colón 26 e ás 11:30h en Policarpo Sanz 3.
LUNS 4 OUTUBRO – en todas as oficinas:
*Paro de 15 minutos, de 10:00h a 10:15h.
MARTES 5 OUTUBRO – en todas as oficinas: *Paro de 60 minutos, de 10:00h a 11:00h.
MÉRCORES 6 OUTUBRO:
*FOLGA 24 horas, con MANIFESTACIÓN NA CORUÑA, que sairá as 11:30h dende a O.P. do Cantón Grande nº 6.
VENRES 8 OUTUBRO:
*FOLGA 24 horas, con MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA, que sairá as 11:30h dende a oficina da Rúa do Hórreo 33.
Ningún comentario:
Publicar un comentario